Máis das tres cuartas partes dos titulados en másteres do SUG volverían cursar este estudos

O estudo da inserción laboral dos egresados destas ensinanzas no curso 2011/12 confirman a tendencia á alza na satisfacción do alumnado coas titulacións e da súa empregabilidade

Xov, 14/12/2017 - 13:00
Máis das tres cuartas partes dos titulados en másteres do SUG volverían cursar este estudos

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou hoxe na presentación do Estudo da inserción laboral dos titulados en Másteres no Sistema universitario de Galicia 2011-2012, un informe elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) cunha mostra de 1907 persoas, que representa case o 70% dos que cursaron esas ensinanzas nese ano. Cómpre lembrar que Galicia é pioneira neste estudo, que é ademais referente de rigor e calidade polo número de preguntas e pola poboación alcanzada. Na presentación participaron tamén a presidenta da ACSUG e o seu director, Mª Patrocinio Morrondo e Eduardo López, respectivamente.

Segundo o informe, a satisfacción cos másteres do Sistema Universitario de Galicia (SUG) continúa incrementando. De feito, máis das tres cuartas partes (o 77,3%, fronte ao 73,3 do estudo anterior) dos enquisados volverían realizar o máster. Ademais, un 43,8% dos titulados está bastante ou moi de acordo coa boa consideración do máster no ámbito laboral, o que supón a mellor valoración dos tres estudos realizados. Esta porcentaxe incrementouse desde o 39,6% dos titulados que opinaba o mesmo no estudo anterior.

Maior especialización

O motivo máis destacado para realizar estudos de máster é, un ano máis, complementar a formación académica para obter unha maior especialización no mercado de traballo, ampliar as saídas laborais e acadar un maior desenvolvemento profesional, cunha porcentaxe do 63,7% para o total do SUG. Este motivo tamén era o maioritario no estudo correspondente aos titulados no curso 2010/11, aínda que a porcentaxe  que o sinalaba era un 6,1% menor. Complementar a formación académica previa para realizar o doutoramento e dedicarse á investigación sitúase como segundo motivo en importancia, cun 31,9%, seguido dun 15% de titulados que afirmaron que o máster era preciso ou obrigatorio para o seu futuro emprego ou perspectiva laboral (profesores de secundaria, avogados, etc).

En calquera caso, o 63,6% dos enquisados xa traballaban con anterioridade á realización do máster. Deles, a maioría (60,9%) simultaneou o traballo máster, o 10,3% deixou o traballo para cursalo e o 28,8% que traballara antes do posgrao non tiña emprego no momento de comezalo. No caso do 36,5% que non traballaba nunca antes divídese entre o 10,1% que buscou emprego pero non o atopou e o 26,4% que nin sequera o buscou.

Mellora da empregabilidade

En canto á empregabilidade unha vez rematado o máster, un 93,3% dos titulados traballaron nalgún momento desde que remataron, porcentaxe que se divide nun 77% que o facía no momento da enquisa (un 4,2% máis ca no estudo previo) e un 15,7% que non tiña emprego nese momento pero que si o tivo nalgún desde que rematou o máster. Só un 8,1% non atopou emprego despois de rematar.

O tempo medio que tardaron os enquisados en atopar o seu primeiro traballo despois de rematar o máster foi de 7,71 meses. Dos titulados que atoparon emprego tras estes estudos, máis dun 40% atopárono en menos de tres meses tras a finalización deste, e un 58,5% fixérono no prazo máximo de seis meses. Estas dúas porcentaxes melloran de xeito importante os resultados obtidos no estudo correspondente ao curso 2010/11, no que o 26,8% e o 46,4% dos titulados atopaban emprego en menos de tres e seis meses respectivamente. Ademais, tamén se reduce a porcentaxe de titulados aos que lles levou máis dun ano atopar emprego en case un 20%, que pasa do 35,6% do estudo previo a un 16,7% no actual.

En canto á modalidade de contratación, o maioría traballa (87%) por conta allea e o 13% por conta propia. Dentro dos titulados que traballan por conta allea, a práctica totalidade, un 99,5%, cotiza á Seguridade Social, dos cales o 40% conta cun contrato fixo, mentres que o 45,7% ten un contrato de tipo temporal, un 8,6% son bolseiros e un 5,5% ten un contrato en prácticas.

No referido ao lugar de traballo, a gran maioría dos titulados traballaba en Galicia, o 86,2% no momento da realización da enquisa, mentres que 11,3% o facía no resto de España e o 2,5% facíao fóra de España (a maior parte en países da Unión Europea).

Mellora do salario

O salario medio da poboación titulada en másteres no SUG é de 1203,75 euros, o que significa unha mellora media de 125,99 euros respecto do soldo que tiñan antes de cursar o posgrao. Case un 60% dos enquisados percibe un salario mensual neto situado entre os 601 e os 1.400 euros, un 14,2% sitúase entre os 1.401 e os 1.800 euros, un  11,4% gaña máis de 1.800 euros mensuais e un 10,6% cobra 600 ou menos euros, porcentaxe que se pode deber á cantidade de empregos a tempo parcial.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza