Educación reforza o CIFP As Mercedes coa posta en marcha da Aula Schneider, de apoio tecnolóxico ás ensinanzas de FP

O conselleiro Román Rodríguez e o presidente de Schneider Electric España S.A. asinaron o convenio para a dotación deste espazo, que dará servizo ás familias profesionais de Electricidade e electrónica e de Instalación e mantemento

Mér, 13/12/2017 - 14:31
Educación reforza o CIFP As Mercedes coa posta en marcha da Aula Schneider, de apoio tecnolóxico ás ensinanzas de FP

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de reforzar as ensinanzas do CIFP As Mercedes, en Lugo, coa posta en marcha da Aula Schneider, que dará apoio tecnolóxico ás ensinanzas de Formación Profesional.

Este espazo innovador que agora se fai realidade é froito da colaboración entre a Consellería e a empresa Schneider Electric España S.A. (SEE) que hoxe mesmo referendaron o conselleiro Román Rodríguez e director do Instituto Schneider Electric de formación, José Miguel Solans, e que ten unha vixencia de catro anos.

A Aula Tecnolóxica IoT é un espazo de 100 metros cadrados de superficie dotada con material industrial específico de domótica, distribución eléctrica e dotación industrial que servirán de apoio ás ensinanzas de FP que se imparten no centro, especialmente ás familias profesionais de Eficiencia enerxértica e de Instalación e mantemento.

A empresa Schneider -que está especializada en xestión enerxética- foi a encargada de dotar e patrocinar dita aula, cuxo equipamento acada os 67.000 euros de investimento. Os equipos cedidos así como a tecnoloxía que incorporan están ao día no que atinxe aos desenvolvementos e innovacións que existen no mercado. Non obstante, a empresa deberá realizar as actualizacións periódicas cando sexan necesarias.

Pola súa banda, o centro, en colaboración coa propia empresa, vai promover a formación do seu profesorado a través de cursos específicos e seminarios así como, en colaboración co propio alumnado, a realización de proxectos específicos co equipamento dispoñible na aula.

Segundo explicou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a creación desta aula tecnolóxica é un exemplo da aposta do Goberno galego polo reforzo das ensinanzas de Formación Profesional adaptadas á realidade social, á contorna onde se desenvolven e ás demandas dos sectores produtivos. De aí que subliñara tamén a importancia da colaboración con empresas punteiras nos distintos sectores produtivos, como é o caso da empresa Schneider e de moitas outras coas que a Consellería mantén acordos deste tipo.

Román Rodríguez comprometeuse a seguir apostando por unha oferta adaptada á demanda dos sectores produtivos, con ciclos tradicionais vinculados á zonas onde se imparten, e coa aposta pola innovación e a vangarda, como é o caso da aula Schneider.

Precisamente estas características reúneas o CIFP As Mercedes, un centro referente nas ensinanzas de FP na cidade de Lugo e en toda a provincia, cunha ampla oferta formativa con seis ciclos de grao superior, catro de grao medio, e outro de grao básico. Así mesmo, complétase coa impartición no réxime de adultos de dous ciclos superiores a distancia e outros dous de grao medio presenciais. Ademais, no actual curso académico vén de implantarse neste centro o ciclo de grao superior de Mantemento Aeromecánico, o único que se imparte en Galicia destas características.

Outro dos piares nos que está actuando a Consellería é a dotación de infraestruturas axeitadas e cos servizos necesarios para a impartición dos distintos ciclos e familias profesionais. No caso do CIFP As Mercedes, Educación leva investidos máis de cinco millóns de euros en importantes obras de ampliación e reforma desde o ano 2014.