'Nun mar azul' pon en valor a diversidade lingüística e funcional
A Asociación Familias Azuis e a Secretaría Xeral de Política Lingüística promoven este videoclip para concienciar sobre o autismo con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o domingo 3 de decembro
Presentarase de novo ese mesmo día, no marco das actividades que a Consellería de Cultura programa no Culturgal 2017
O novo videoclip 'Nun mar azul', promovido pola Asociación Familias Azuis coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en valor a diversidade lingüística e funcional, con motivo de concienciar a cidadanía sobre o autismo coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o domingo 3 de decembro.
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu hoxe pola mañá o seu acto de presentación, no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicepresidente da Asociación Autismo Galicia, Cipriano Jiménez; a representante da Asociación Familias Azuis, Raquel Domínguez; e mais os músicos que participaron na peza musical, Uxía, Magín Blanco, Santi Cribeiro e Pablo Ces.
Música para nos mergullar no mar azul do autismo
Valentín García sinalou que “para nós este é un proxecto importante, non só porque se trata dun videoclip en lingua galega que trata de favorecer a comunicación entre o colectivo das persoas con TEA e o resto da sociedade, senón tamén porque busca sensibilizar acerca do respecto á diversidade. Ese respecto por calquera diversidade, desde a funcional dos nenos e nenas con TEA ata a lingüística que a Secretaría Xeral de Política Lingüística trata de promover cada día, é o que nos une ás Familias Azuis”. Durante a súa intervención, o secretario xeral gradeceu o compromiso da Asociación Familias Azuis e da Federación Autismo Galicia coa dinamización lingüística do galego, “que ten que apoiar e implicar tamén colectivos sociais tan importantes coma estes”, concluíu.
Con letra de Raquel Domínguez, música de Chus Domínguez e arranxos de Magín Blanco e Uxía, a Asociación Familias Azuis promove, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, este novo videoclip para concienciar sobre o autismo e convidar a cidadanía a espallalo polas redes e mergullar no mar azul do autismo.
O vídeo, ao que se pode acceder no enlace https://youtu.be/bd2AWsOSmuo, é unha creación de OliconH, con animación de Nacho Laya e pictogramas en galego deseñados por Paxi da Silva. Foi gravado na praia de Pinténs (Cangas, Pontevedra) e nel participaron nenos e nenas do Morrazo. Presentarase tamén o domingo 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, en Pontevedra, no marco das actividades que a Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, leva ao Culturgal 2017.