O novo programa Toponimízate bota a andar na Rede de Dinamización Lingüística
Catorce concellos acollerán en decembro cadanseu encontro en aberto dirixido á cidadanía en xeral e da man de persoal técnico especialista co obxectivo de poñer en valor a microtoponimia
O secretario xeral de Política Lingüística presentou en rolda de prensa a nova acción, que se enmarca nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad
O novo programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra bota a andar en 14 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, que serán os primeiros en acoller outros tantos encontros en aberto dirixidos á cidadanía en xeral nos que persoal técnico especialista en toponimia porá en valor a microtoponimia, co obxectivo de concienciar sobre a importancia e a necesidade da xeorreferenciación e xeolocalización deste patrimonio inmaterial.
Así o explicou hoxe pola mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen incidiu en que “a toponimia e a microtoponimia son unha grande riqueza e obra colectiva que cómpre salvagardar para evitar a súa perda” e recordou que a súa recuperación e fixación é un compromiso do Goberno galego en estreita colaboración coa Real Academia Galega (RAG). García Gómez sinalou “a importancia do portal Toponimia de Galicia, tanto no tocante á modernización da imaxe da lingua e cultura galegas coma como estratexia de divulgación das singularidades dos nomes dos lugares galegos e da súa orixe”.
Acompañárono na presentación o académico da lingua galega Xesús Ferro Ruibal; Vicente Feijoo, encargado das charlas; e Antonio F. Guiadanes, responsable da etimoloxía e a motivación deste proxecto. Os dous últimos son, canda o xeógrafo Antonio Fraga, os responsables técnicos da implementación do programa.
A toponimia como base
A Secretaría Xeral de Política Lingüística bota a andar un novo programa de promoción da lingua galega para concellos pertencentes á RDL que toma como base a toponimia de Galicia, a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar e que constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso. Esta nova acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, coordinados ambos os dous desde a Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa colaboración da Amtega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Ao longo do mes de decembro, A Coruña, Arteixo, Boqueixón, Lousame, Melide, Miño, Vedra, Palas de Rei, Sober, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove e Silleda acollerán conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Nelas falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...).
Para alén disto, nos concellos que teñan sen recoller a súa microtoponimia -é dicir, os nomes de leiras, camiños, fontes, penedos...- mostrarase unha app que lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo.
Toda a información e calendario de sesións no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.