A mostra ‘Os mundos de Carlos Casares’ fai parada en Lugo

O Museo Interactivo da Historia acolle, na cidade das murallas ata o 26 de decembro, o proxecto expositivo impulsado pola fundación do autor co apoio da Xunta de Galicia no marco da programación da Letras Galegas 2017

O Museo Galego do Entroido de Xinzo de Limia será o espazo que a albergue a partir do 29 de decembro

Mér, 29/11/2017 - 19:15

A exposición central das Letras Galegas 2017, Os mundos de Carlos Casares, abriu hoxe ao serán a súa itinerancia no Museo Interactivo da Historia de Lugo, onde se poderá visitar ata o próximo 26 de decembro. O acto inaugural contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a quen acompañaron a alcaldesa, Lara Méndez; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o administrador da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares; e a comisaria da mostra, Chus Martínez.

Tras o seu paso por Lugo, Os mundos de Carlos Casares viaxará a Xinzo de Limia (Ourense), en cuxo Museo Galego do Entroido fará parada desde o 29 de decembro. Con estas dúas cidades pechará o periplo que a levou polas catro provincias galegas desde abril, con paradas previas en Ourense, A Coruña, Ribeira, Arzúa, Vigo e Pontevedra.

Achegamento ao universo casariano

Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez, Os mundos de Carlos Casares propón un achegamento ao universo vital e literario do autor ourensán, a través dunha sucesión de territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña... e O Redondel, nos que se tratan aspectos fundamentais da traxectoria vital e creativa de Casares e da súa interacción co mundo.

Promovida pola Fundación Carlos Casares coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación –a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística–, dos concellos de Ourense e de Xinzo de Limia e mais polas deputacións provinciais de Ourense e da Coruña, a mostra constitúe a iniciativa central da conmemoración das Letras Galegas 2017.

Casares, compromiso inequívoco co idioma

Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Para o narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, o que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica.

Membro numerario da Real Academia Galega (RAG) ata o seu falecemento no ano 2002, director da Editorial Galaxia e presidente do Consello da Cultura Galega (1996- 2002) e mais do Centro PEN Galicia, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou polo seu talento literario e tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país, así como por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, sempre cun compromiso inequívoco co idioma galego.

Menús News node R