Educación lanzará un novo macrocuestionario para testar a situación da convivencia nos centros
Reforzaranse as Escolas de Nais e Pais como espazos de debate e intercambio a través de foros e dunha aplicación específica dentro dos Centros de Formación e Recursos á disposición de todas as familias
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa coa folla de ruta establecida no ámbito da convivencia escolar, co reforzo de accións xa establecidas e a implementación doutras novas, tal como se informou hoxe no Consello para a Convivencia Escolar na súa reunión anual.
O conselleiro de Educación, que presidiu a xuntanza, anunciou que no primeiro trimestre de 2018 vaise lanzar un novo macrocuestionario censal ao conxunto da comunidade educativa (familias, alumnado, docentes, persoal non docente) para testar o estado da convivencia nos centros escolares galegos; polo que se establece unha periodicidade bianual desta enquisa, logo da primeira que se fixera deste tipo a finais de 2015.
Segundo explicou o conselleiro, é necesario contar cunha diagnose exhaustiva e obxectiva sobre a situación da convivencia para poder articular medidas máis acertadas ao respecto. Neste senso, o establecemento con carácter bianual deste tipo de consulta, permite tomar o pulso da convivencia de xeito continuado no tempo e coñecer a súa evolución.
Este macrocuestionario vai incluír como novidade items específicos para avaliar a situación da educación en igualdade e a violencia de xénero.
Así mesmo, ao abeiro do I Plan de Igualdade nos centros educativos, Román Rodríguez anunciou a posta en marcha un novo Portal de Igualdade con recursos e orientacións para fomentar a coeducación nos centros escolares.
Escolas de Nais e Pais
Outra das accións en materia de convivencia nas que leva traballando a Consellería son as Escolas de Nais e Pais. A este respecto, desde o departamento de Educación vanse reforzar especialmente estas Escolas mediante a posta a disposición de infraestrutura (a través dos Centros de Formación do Profesorado, que contarán cunha sección específica) e de apoio profesional con poñentes expertos en cada campo. Así mesmo, habilitarase unha ferramenta informática que funcione como repositorio de contidos á disposición das familias
O obxectivo é activar foros de debate no que participen as familias, a través dos cales se canalice información, se fomente o debate social e se impulse a creación de marcos de acción común arredor da educación.
Ademais da infraestrutura e os medios técnicos e profesionais, a Consellería proporá un catálogo de temas de debate ben para as familias, ben para familias e profesorado en conxunto. Ademais, os centro poderán propoñer aqueles temas que consideren de interese para incorporarlos ás Escolas.
Por outra parte, cómpre lembrar que a Consellería vén de presentar á comunidade educativa as Orientacións sobre Identidade Dixital (dispoñibles no web identidadedixital.gal) cunha serie de materiais -vídeos e un libro dixital bilingüe- no que se abordan cuestións como os riscos da rede, a suplantación de identidade, compras en internet por parte dos menores.