O conselleiro de Educación anuncia un investimento de 900.000 euros nunha nova ampliación do IES Laxeiro (Lalín)
Román Rodríguez visitou hoxe o centro para comprobar o resultado da primeira fase da ampliación, que supuxo un investimento de máis de 300.000 euros
Na segunda fase ampliaranse outras 5 aulas e reordenarase a planta baixa
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento xa ten redactado o proxecto básico para acometer a segunda fase da ampliación do IES Laxeiro (Lalín), unha obra á que se destinarán arredor de 900.000 euros. Deste xeito, dáse continuidade á primeira fase de ampliación do centro, unha actuación xa rematada cuxo resultado comprobou hoxe o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia.
A Consellería investiu nesta primeira fase da ampliación máis de 300.000 euros, unha actuación a través do que se dotou a este instituto do que é primeiro viveiro de empresa nun centro educativo da comarca do Deza; e que permitiu tamén ampliar a biblioteca e dar resposta ás necesidades dos ciclos de FP. En concreto, a obra consistiu na creación dun volume sobre a zona administrativa existente para unificar alturas e poder albergar novos espazos. Deste xeito, na planta baixa instalouse o viveiro de empresas e ampliouse a biblioteca no espazo antes asignado á sala de profesores e á sala de informática, co fin de dotala de salas independentes e maior versatilidade. En planta alta habilitouse unha sala de profesores, dúas aulas de nova creación, un aseo de profesores e dous despachos (un de dirección e outro de secretaría).
No referido á segunda fase, o previsto é crear 5 novas aulas destinadas ás ensinanzas de FP mediante a construción dun novo volume en planta alta, ademais de levar a cabo unha reordenación da planta baixa, entre outras actuacións. O obxectivo é acometer a estrutura exterior no verán do 2018 e compatibilizar a adecuación interior co curso escolar 2018/19, sempre garantindo a máxima seguridade para o alumnado.
Cómpre lembrar que o IES Laxeiro ofertou este curso o ciclo de FP Básica de Electricidade e electrónica, os ciclos de grao medio en Electromecánica de vehículos automóbiles, en Instalacións eléctricas e automáticas e en Xestión administrativa; e os ciclos de grao superior en Administración e finanzas e en Mecatrónica industrial.
Oportunidade para o emprendemento
Román Rodríguez salientou a oportunidade que este novo viveiro supón para achegar a cultura do emprendemento, fundamental nos nosos días, aos rapaces. Así mesmo, explicou que estes espazos constitúen unha ocasión única para que os estudantes e titulados en ciclos de FP poñan en marcha ideas de negocio cun asesoramento axeitado e gratuíto e nun viveiro que poden empregar como despacho de balde.
De feito, por un período de dous anos os alumnos do centro poderán desenvolver o seu proxecto de empresa, contando en todo momento co asesoramento de profesorado e doutros emprendedores. O viveiro pode ser utilizado polo alumnado do propio centro como por titulados en outros centros educativos que remataran os seus estudos en ensinanzas postobrigatorias nos últimos 4 anos.
Rede de viveiros
Con este novo espazo, a Consellería amplía a cobertura territorial da Rede de Viveiros en Centros Educativos, que agrupa un total de 26 –contando o lalinense- . Por tanto, e ademais de ser o primeiro centro educativo da comarca de Deza que contará cun viveiro de empresa, o IES Laxeiro de Lalín tamén senta as bases da nova senda de implantación destes espazos de emprendemento, máis alá das cidades e dos Centros Integrados de Formación Profesional.
En concreto, a Rede de Viveiros de Empresa en Centros Educativos compóñena, ademais do IES Laxeiro, os CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel (Ourense), A Farixa (Ourense), A Granxa (Ponteareas), A Xunqueira (Pontevedra), Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña), As Mercedes (Lugo), Compostela (Santiago), Coroso (Ribeira), Ferrolterra (Ferrol), Manuel Antonio (Vigo), Paseo das Pontes (A Coruña), Politécnico de Lugo, Politécnico de Santiago, Porta da Auga (Ribadeo), Portovello (Ourense), Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), Someso (A Coruña), Valentín Paz Andrade (Vigo); e os IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), de Fene, García Barbón (Verín), Luís Seoane (Pontevedra), Montecelo (Pontevedra), Ricardo Mella (Vigo), e Universidade Laboral (Culleredo).