Román Rodríguez destaca que a profesionalización e o liderado dos equipos directivos son chave na mellora do sistema educativo
O conselleiro de Educación participou nunha xornada de formación específica que congregou en Santiago a uns 300 docentes con responsabilidades de dirección en centros escolares de toda Galicia
Esta sesión enmárcase dentro da estratexia da Consellería de Educación para construír un itinerario formativo axeitado, que atenta tanto á formación inicial como á formación dos equipos directivos consolidados
A formación dos equipos directivos dos centros de ensino é un dos elementos estratéxicos dentro do Plan de Formación do Profesorado deseñado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria . Precisamente para afondar en temáticas clave na función directiva, baixo o titulo “Formación Avanzada de equipos directivos”, hoxe desenvolvéronse unhas xornadas no CIFP Politécnico de Santiago que congregaron a uns 300 docentes con responsabilidades directivas de toda Galicia.
O liderado e fomento do traballo en equipo, a motivación, a xestión da información e toma de decisións, a convivencia positiva, a dirección estratéxica ou a xestión do cambio e da innovación, foron algunhas das cuestións obxecto de debate nunha xornada que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
Durante un encontro cos asistentes, Román Rodríguez subliñou a importancia de contar con equipos directivos ben formados, comprometidos e profesionalizados como garantía dun sistema educativo de calidade. Máis aló das tarefas de organización e xestión dun centro, o conselleiro destacou que a responsabilidade da dirección “é a dun liderado comprometido coa excelencia e coa innovación”. “Os equipos directivos sodes chave nas transformacións das estruturas educativas”, engadiu o conselleiro, que aproveitou para agradecer o esforzo e o interese amosado na súa formación permanente.
50 horas de traballo
A sesión de hoxe, de oito horas de duración, enmárcase dentro dun curso máis amplo de 50 horas de duración (31 horas de formación que se suman a outras 19 de traballo centrado no manexo de documentación e preparación das distintas sesións) que se completarán con outras tres sesións provinciais e unha sesión plenaria final.
Precisamente unha das novidades do Plan de Formación Permanente do Profesorado é a inclusión, por primeira vez neste curso, dun marco formativo específico vinculado á función directiva. Entre as actividades que se levarán a cabo ao longo deste curso ao abeiro da formación de equipos directivos, tamén está a formación continua sectorial (en función da tipoloxía de centros), a formación inicial para a función directiva e o programa de mentorado para equipos directivos.
Este programa forma parte, por tanto, da estratexia da Consellería de Educación para construír un itinerario formativo axeitado, que atenta tanto á formación inicial como á formación dos equipos directivos consolidados. O ano pasado leváronse a cabo sete actividades específicas para equipos directivos, que alcanzaron a 280 directores, incluída a formación inicial dos novos directores que este curso se estrean no cargo (168).