Educación recoñece a 20 estudantes cos premios extraordinarios de ESO polo seu rendemento académico
O galardón valora o esforzo e dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, a educación secundaria obrigatoria no sistema educativo galego
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder a 20 alumnas e alumnos galegos os Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ao rendemento académico correspondentes ao curso 2016/17. Estes galardóns supoñen o recoñecemento do esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, a educación secundaria obrigatoria no sistema educativo galego.
O listado dos galardoados pódese consultar no Diario Oficial de Galicia, no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171107/AnuncioG0164-271017-0001_gl.html.
Cualificación superior a 9 puntos
Todos os premiados obtiveron unha medida das cualificacións en todas as materias dos catro cursos de ESO igual ou superior a 9, e deles, o 30 por cento obtivo unha nota media de entre 9,75 e 10, o 45 por cento entre 9,50 e 9,75 e o 25 por cento entre 9,25 e 9,50.
Así mesmo lograron as mellores cualificacións na proba realizada para optar a ditos premios, que estaba estruturada en dúas partes. Unha primeira relacionada coas materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira; e unha segunda sobre xeografía e historia, matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas e unha materia a escoller entre bioloxía e xeoloxía, economía, física e química, e latín.
Cada premio está dotado cunha contía de 750 € e supón a anotación da distinción no seu expediente académico, así como un diploma acreditativo. Ademais outórgalles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria.