Os Clubs de lectura de centros educativos pontevedreses amosan a súa experiencia no Salón do Libro de Pontevedra
Participan coordinadores das lecturas compartidas nos IES Ribeira do Louro (O Porriño), IES Laxeiro (Lalín) e Sánchez Cantón (cidade do Lérez)
Trátase dunha actividade de formación do profesorado organizada polo Centro de Formación e Recursos da Consellería de Educación en colaboración co Salón do Libro da cidade.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está presente nas actividades de formación preparatorias do Salón do Libro de Pontevedra, que se celebrará o vindeiro mes de marzo. En concreto, desenvolveranse tres actividades organizadas en colaboración co Centro de Formación e Recursos na cidade do Lérez, polas que os docentes poderán certificar horas de formación do profesorado.
A primeira delas, Lecturas compartidas: Crear e dinamizar clubs de lectura na aula, celébrase desde este luns ata o vindeiro día 10 de novembro e pretende ofrecer unha axuda ao profesorado que quere iniciarse, ou perfeccionar, a creación e desenvolvemento dun club de lectura nos centros de ESO e Bacharelato. Baseándose en experiencias sólidas e exitosas de xestión de clubs, cinco profesionais do ensino e da xestión de bibliotecas escolares ofrecen distintas perspectivas, técnicas, loxísticas, de contido e recursos sobre a posta en marcha dun club de lectura. Así, o programa de Clubs de lectura en centros de ensino secundario do Departamento de Educación da Consellería, con dez anos de traballo continuado a prol da lectura no ámbito educativo, ofrece orientacións e boas prácticas que poden contribuír á extensión deste tipo de actividades en centros educativos e outros ámbitos sociais e culturais.
Deste xeito, participan na actividade os responsables dos clubs de lectura dos IES Ribeira do Louro (O Porriño), César Abalde; Sánchez Cantón (Pontevedra), Anxos Rial e Gracia Santorum, do IES Laxeiro (Lalín), e co-autora do blogue Trafegando Ronseis. Así mesmo, toman parte en Lecturas compartidas a responsable da Asesoría das Bibliotecas Escolares da Consellería, Cristina Novoa, e Concha Costas, da asociación Espazo Lectura, de Gondomar, e coordinadora do club de lectura desta asociación Comando Le.
Na semana do 13 de novembro será a quenda de Podcasting: Radio e animación á lectura, un curso no que se afondará no uso deste formato na educación, nos elementos da linguaxe radiofónica, na edición e gravación e na súa distribución, entre outros aspectos. O obxectivo final da actividade é que cada participante elabore unha peza individual de radio que se integre nun podcast conxunto. Participarán como docentes Alberto Dafonte e Xabier Martínez.
Xa na semana do 20 de novembro desenvolverase a actividade Linguaxe audiovisual e animación lectora; na que se realizará unha introdución á linguaxe audiovisual, á gravación, guionización e edición destes elementos e ao seu uso nas redes sociais. Participarán como docentes Alberto Dafonte e Luis Emilio Fernández Santiago Gómez.