Arteixo, Zas, Mos e Bueu reciben a visita dos Bolechas da man do programa FalaRedes

A actividade ‘De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas’ poderá gozarse, con entrada de balde, nestas localidades durante a fin de semana

O espectáculo conxuga lecer e contidos culturais e baséase na interactividade co público familiar ao que vai dirixido

Xov, 26/10/2017 - 21:05
Arteixo, Zas, Mos e Bueu reciben a visita dos Bolechas da man do programa FalaRedes
Arteixo, Zas, Mos e Bueu reciben a visita dos Bolechas da man do programa FalaRedes

Por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Xunta de Galicia programa, unha fin de semana máis, actividades nos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Nesta ocasión os protagonistas volven ser Os Bolechas e o seu espectáculo ‘De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas’. A primeira parada será o sábado en Arteixo, onde a actividade -para a que xa están esgotadas as entradas- terá lugar no Auditorio do Centro Cívico (ás 12:30 horas). Tamén o sábado, pero ás 18:30 horas, Os Bolechas estarán no Centro Sociocultural de Baio (Zas). A programación da fin de semana pecharase o domingo en Mos (no Centro Multiúsos das Pozas, ás 13:00 horas) e Bueu (no Centro Social do Mar, ás 18:00 horas). Nestas tres localidades non é preciso retirar previamente entradas, xa que o pase é libre ata completar a capacidade dos espazos.

Os Bolechas, no Camiño de Santiago

Na nova proposta os Bolechas están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. O dono acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan os irmáns Bolechas.

Despois de percorrer 17 concellos, os populares personaxes creados por Pepe Carreiro pecharán o seu paso polo Falaredes 2017 en Ordes e en Xove. Na localidade ordense a cita será o vindeiro sábado, 4 de novembro, ás 18:30 horas, no Auditorio da Casa da Cultura. A derradeira das funcións será o domingo, 5 de novembro, no Centro Cívico de Xove, ás 19:00 horas.

FalaRedes 2017

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, en todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Menús News node R