Cultura destina 300.000 euros a apoiar a actividade de 70 escolas de música

A consellería ven de resolver a orde de axudas dirixida tanto a entidades que dependen dos concellos como das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro

Mér, 11/10/2017 - 10:40

Un total de 70 escolas de música de toda Galicia beneficiaranse da nova orde de axudas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dotada con 300.000 euros, e dirixida tanto a entidades dependentes dos concellos como de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro.

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171011/AnuncioG0164-051017-0002_gl.html), un total de 55 escolas municipais de música doutros tantos concellos recibirán axudas por importe de 250.000 euros; mentres que outras 15 formacións dependentes doutras entidades reciben apoio por un importe de 50.000 euros.

Tal e como figuraba na convocatoria, na valoración de solicitudes tivéronse en conta aspectos como o número de alumnado matriculado, de especialidades instrumentais impartidas, do profesorado e tempo de dedicación, así como as dimensións das instalacións, o volume do orzamento do centro e o importe total que o centro percibe do alumnado pola impartición das ensinanzas.

A Consellería habilitou esta nova liña de axudas co fin de potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música, sobre todo tendo en conta a súa crecente demanda. Ademais, tamén se busca apoiar aquelas iniciativas que implican fomentar, difundir e estender entre a sociedade xeral, e en especial entre o público xuvenil, a ensinanza musical desde unha formación non regrada.