O número 32 de ‘Ágora do Orcellón’ réndelle tributo ao filósofo Mario Augusto Bunge

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe ao mediodía no Carballiño o novo volume, que sae do prelo coa colaboración da Consellería de Cultura

Sáb, 30/09/2017 - 14:00
O número 32 de ‘Ágora do Orcellón’ réndelle tributo ao filósofo Mario Augusto Bunge

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao mediodía no acto de presentación do número 32 da revista Ágora do Orcellón, que edita o Instituto de Estudios Carballiñeses coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación. O novo volume, réndelle tributo ao seu socio de honra Mario Augusto Bunge, recoñecido filósofo, baixo o título Homenaxe a Mario Bunge, xenio e figura.

No mesmo acto, que se fixo coincidir coa asemblea xeral de socios do instituto, proxectouse un power point coas fotografías dos 38 colaboradores desta publicación, cun breve texto de cada un deles, valorando a figura deste gran filósofo e científico. A seguir, proxectouse un vídeo no que o propio Bunge se dirixiu aos colaboradores e asistentes ao acto e interviñeron a continuación algún dos colaboradores galegos, (os catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela David Suárez Quintanilla, Luis Modesto García Soto e Miguel A. Martínez-; a escritora María Xosé Queizán e o pintor Antón Pulido.

Ademais do secretario xeral, na presentación tamén tomaron parte o director da entidade organizadora, Avelino Muleiro; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o rexedor municipal, Francisco Fumega.

O Instituto de Estudios Carballiñeses

O Instituto de Estudios Carballiñeses é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que na actualidade conta con preto de duascentas persoas asociadas e que desde a súa fundación, en 1999, vén realizando unha serie de actividades culturais entre as que destaca a publicación semestral da revista Ágora do Orcellón. Entre os seus obxectivos fundacionais destacan os de fomentar, orientar e coordinar o labor investigador nas diferentes ciencias, técnicas, artes etc., así como en todas as manifestacións que se relacionen co Carballiño e coa súa comarca.

Menús News node R