Valentín García destaca a importancia da etiquetaxe en galego como sinal de identidade e proximidade
O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou hoxe pola mañá a xornada ‘Etiqueta na túa lingua’, que organiza o Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística
O encontro ten como finalidade analizar a presenza da lingua galega, entroutras, no comercio e na industria
‘A promoción da etiquetaxe na lingua propia de Galicia é un dos obxectivos do Plan de dinamización da lingua galega posto en marcha pola Xunta’
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou hoxe á mañá na apertura da xornada “Etiqueta na túa lingua, camiña polo mundo con identidade” a importancia e o valor da etiquetaxe en galego como sinal de identidade e proximidade, tanto para o tecido empresarial como para o público consumidor. García Gómez recordou tamén que a promoción da etiquetaxe na lingua propia de Galicia é un dos obxectivos recollidos no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, posto en marcha pola Xunta de Galicia, neste encontro organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración con Política Lingüística coa finalidade de analizar a presenza da lingua galega e doutras linguas minoritarias no comercio e na industria.
Canda el, participaron na mesa de apertura o presidente do CCG, Ramón Villares, e mais o catedrático emérito de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago de Compostela, José Antonio Gómez Segade. O foro desenvolverase ao longo do día de hoxe, baixo a coordinación de Rosario Álvarez, Xosé López García, Manuel Gago e Rosa Aneiros.
Cita con experiencias empresariais
“Etiqueta na túa lingua, camiña polo mundo con identidade” é unha cita con experiencias empresarias que arrancou cunha descrición do marco legal a cargo de José Antonio Gómez Segade, á que seguiu a mesa redonda "A lingua galega como posicionamento e valor de mercado", moderada por Alba Nogueira coa participación de Alberto Pena, profesor titular de Historia da Propaganda e da Publicidade da Universidade de Vigo; Anxo Tato, catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo; José María Fonseca Moretón, de Bodegas Terras Gauda; Edita de Lorenzo, da Asociación PuntoGal, e Iván Fernández, de Comunicación e Márketing de Galicia Calidade da Xunta de Galicia.
Pola tarde Juan Manuel Corbacho Valencia, vicerreitor do campus de Pontevedra e profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, falará de promoción de produtos etiquetados en linguas minoritarias. A seguir, a mesa redonda moderada por Enrique Sáez Ponte “Marca e etiquetaxe en lingua galega” contará coa presenza de Patricia Sánchez Lorenzo, de Leite Noso; Lito Andión, da Cooperativa Hoxe; Adriana Freire, de Dinahosting, e Francisco Kike Piñeiro da Horta do Obradoiro