Preto de 3.200 alumnos galegos de FP e 400 docentes participaron no programa Erasmus+ desde 2012

O conselleiro de Cultura e Educación asistiu á inauguración do único acto conmemorativo en España dos 30 anos desta iniciativa educativa europea no eido da Formación Profesional

Román Rodríguez destacou as oportunidades que ofrece Erasmus+ tanto a nivel de inserción laboral como de construción do sentimento europeo entre as xeracións máis novas

Mar, 26/09/2017 - 12:50
Preto de 3.200 alumnos galegos de FP e 400 docentes participaron no programa Erasmus+ desde 2012

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou esta mañá que ao longo dos 30 anos de Erasmus+, Galicia ten achegado abondosas ideas e capital humano a este “proxecto común”. Deste xeito, nos últimos anos, a Consellería de Educación participou activamente en proxectos de calado internacional con Francia ou Italia, mentres que actualmente está liderando unha iniciativa sobre o uso das novas tecnoloxías na agricultura e a súa aplicación formativa nos ciclos desta familia profesional. Así mesmo, desde 2012, case 3.200 alumnos de grao medio e grao superior, así como preto de 400 docentes galegos, realizaron estancias educativas no estranxeiro a través do Erasmus+.

Así o explicou no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura con motivo da inauguración da xornada Erasmus+: 30 años enriqueciendo vidas, abriendo mentes. Formación Profesional. No acto de apertura tamén participaron o secretario de Estado de Educación, Formación Profesional y Universidades, Marcial Marín; e o director do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE), Pablo Martín.

Tal e como explicou o conselleiro, trátase do único acto de conmemoración en España do aniversario desta iniciativa educativa europea no eido da FP, e que congrega a máis de 300 profesores e alumnos da maioría das comunidades autónomas. En total, nesta efeméride participan 44 países de toda Europa, a través de 318 eventos. 

 

Aposta pola FP e exaltación dos valores da UE

Román Rodríguez agradeceu a posibilidade de celebrar esta xornada en Santiago, en Galicia, por dúas razóns. En primeiro lugar, segundo resaltou, “porque nos últimos anos a Xunta de Galicia realizou unha aposta decisiva pola Formación Profesional que se traduciu en mellores resultados tanto cuantitativos como cualitativos”. E, en segundo lugar, definiu a dita celebración como “unha exaltación dos valores que axudaron a construír a UE”. Neste contexto, o conselleiro destacou que, ao longo destas tres décadas, “os alumnos e profesores galegos que participaron no programa foron os mellores embaixadores de Galicia”.

Entre as oportunidades que xera o programa Erasmus+, o responsable do departamento educativo do Goberno galego quixo poñer en valor dúas: a mellora da inserción laboral entre os mozos –que se amplía a través do coñecemento de linguas ou da adquisición de experiencia no estranxeiro– así como o impulso do sentimento europeo entre a mocidade.

Nas súas propias palabras, “Erasmus+ foi, e sigue sendo, unha ferramenta fundamental na construción de Europa, dunha Europa multicultural e diversa, pero unida ao redor dun proxecto humanista común”, concretou.