Román Rodríguez felicita ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías pola obtención da acreditación María de Maeztu

Mar, 19/09/2017 - 14:51
Román Rodríguez felicita ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías pola obtención da acreditación María de Maeztu

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, felicitou hoxe aos membros do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), dependente da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia, pola obtención da acreditación María de Maetzu, distinción á investigación científica de excelencia en España. O recoñecemento foi outorgado pola Axencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade; nun acto presidido pola secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela. Cómpre sinalar que o IGFAE está dirixido polo Starting Grant Carlos Salgado, coordinador tamén da Agrupación Estratéxica de Física Fundamental e Aplicación na Tecnoloxía e na Saúde, que conta co apoio do Goberno autonómico.

O titular do departamento educativo do Goberno autonómico asistiu hoxe ao acto de entrega destes recoñecementos, celebrado en Madrid, no que se entregaron un total de 6 acreditacións María de Maeztu e outras 7 acreditacións Severo Ochoa. As unidades que, como o IGFAE, recibiron a María de Maeztu, contarán cun financiamento de 500.000 euros anuais durante catro anos.