Educación investirá uns 150.000 € na reforma do pavillón do IES Castro Alobre, en Vilagarcía

O conselleiro Román Rodríguez anunciou que as obras neste instituto se licitarán nos vindeiros días e estarán rematadas ao longo deste trimestre

Asinou co alcalde o convenio para a dotación do comedor escolar no CEIP do Piñeiriño, por un importe de 78.000 euros

O investimento total en mellora das infraestruturas educativas no Concello de Vilagarcía nos últimos anos supera os 3 millóns de euros

Mar, 05/09/2017 - 15:41
Educación investirá uns 150.000 € na reforma do pavillón do IES Castro Alobre, en Vilagarcía

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai acometer a mellora do pavillón do IES Castro Alobre, de Vilagarcía, por un importe de arredor de 150.000 euros. Así o anunciou o conselleiro Román Rodríguez esta mañá nas instalacións do instituto, onde explicou que está previsto licitar as obras nos vindeiros días e a previsión é que se acometan ao longo deste trimestre.

A actuación consistirá na retirada do panel sándwich da fachada sur do pavillón, parte do cal foi derrubado polo temporal; na limpeza das fachadas invadidas por plantas criptogámicas; a impermeabilización das fachadas e a substitución das carpinterías e dos portóns de acceso ao pavillón.

Comedor O Piñeiriño

Así mesmo, o conselleiro e mailo alcalde de Vilagarcía formalizaron o contrato para a dotación dun comedor escolar no CEIP do Piñeiriño, unha obra cuxo investimento total ascende a 78.000 euros, dos cales 75.000 euros corresponden á execución da obra e os 3.000 € restantes ao custo da redacción do proxecto.

Do investimento global a Consellería de Educación aportará 43.000 euros (40.000 € para obras e os 3.000 € do proxecto), mentres que os 35.000 restantes serán financiados polo Concello de Vilagarcía.

Á espera de coñecer os detalles concretos que quedarán establecidos no proxecto final unha vez redactado e aprobado, a modo xeral, a intervención consiste nunha reforma integral da zona dos antigos vestiarios situados no semisoto do centro para destinalos ao comedor escolar, así como a construción dos aseos vinculados ao propio comedor.

O conselleiro salientou a importancia desta obra que dá resposta ás demandas da comunidade educativa do CEIP O Piñeiriño. Segundo dixo, a actuación levarase a cabo ao longo deste trimestre, co fin de que as instalacións estean preparadas para o servizo de comedor (que será xestionado pola Anpa do centro) no inicio do vindeiro ano.

Así mesmo, no marco da programación de obras para este ano, a Consellería tamén ten previsto acometer unha actuación de eficiencia enerxética, coa instalación de novas ventás no CEIP de Vilaxoán, por un importe estimado de 60.000 euros, cuxos traballos xa foron adxudicados.

Todas estas actuacións son, segundo Román Rodríguez, un exemplo de compromiso coa mellora das instalacións e dos servizos educativos en Vilagarcía, un Concello no que a Consellería leva investidos máis de 3 millóns de euros nos últimos anos, dos cales máis de 900.000 euros entre 2016 e 2017.

O conselleiro explicou que os investimentos en Vilagarcía e en toda a comarca de Salnés-Arousa van na liña de traballo da Consellería de ir actualizando e renovando equipamentos, servizos e instalacións educativas de xeito paulatino en función das prioridades co único obxectivo de garantir o benestar do alumnado. Neste senso, ademais das mencionadas actuacións, lembrou os preto de un millón de euros de ampliación do IES Francisco Asorey (Cambados), o medio millón de euros da obra de eficiencia enerxética que se está desenvolvendo no CPI Mosteiro (Meis), e outro tanto no IES Cotarelo Valledor (en Vilagarcía), entre outras.

Na visita do conselleiro a Vilagarcía, tamén estiveron os directores do IES Castro Alobre e do CEIP O Piñeiriño, así como a representante da Anpa deste centro. Así mesmo, asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.