Política lingüística resolve as axudas á edición de materiais didácticos para impulsar o galego nas aulas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria destinada a empresas do sector editorial que elaboren e editen en lingua galega recursos didácticos curriculares das ensinanzas non universitarias de Galicia
A convocatoria potencia a oferta de materiais educativos en galego e favorece o tecido da industria editorial galega
Reforza, ademais, como ámbito prioritario de actuación para a promoción do uso da lingua a formación profesional específica
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fai pública hoxe no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 3 de agosto pola que se conceden subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 10 de maio de 2017. A dita resolución pode consultarse no seguinte enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170817/AnuncioG0164-040817-0002_gl.html.
Con ela, poténciase a oferta de materiais educativos en galego e favorécese o tecido da industria editorial galega, xa que a meirande parte dos proxectos escollidos foron presentados por empresas da nosa Comunidade, cun investimento de 170.000 euros. Refórzase, ademais, como ámbito prioritario de actuación para a promoción do uso da lingua galega a formación profesional específica (estudos conducentes á obtención dun título de ciclo formativo de grao medio ou superior).
Apoio ao sector editorial galego
En virtude da resolución destas axudas, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia a viabilidade de 100 propostas didácticas das 103 solicitudes que concorreron á concesión das axudas. O texto íntegro da resolución publicada no Diario Oficial de Galicia pódese consultar no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.
As empresas editoriais adxudicatarias das subvencións son 9: Edicións Xerais de Galicia, Baía Edicións, Editorial Vicens Vives, Editorial Luis Vives, Edicións Obradoiro, Ediciones Don Bosco-Editorial Rodeira-Edebé, Grupo Anaya, Xerme Edicións e Servipost Editores.
Criterios de valoración das propostas
Os proxectos editoriais subvencionados foron valorados en función de tres parámetros: a orixinalidade da obra, primando as de creación propia sobre as adaptacións e as traducións; a súa calidade, medindo a adecuación dos materiais didácticos ao currículo establecido en función das actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecementos do alumnado, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade galega, da calidade de lingua e da adaptación desta ao nivel académico do estudantado; e o feito de que se tratase de materiais curriculares destinados exclusivamente á formación profesional específica.
Contribuír á aprendizaxe en lingua galega nas aulas
A través destas subvencións a Consellería de Cultura e Educación quere que garantir unha oferta de material educativo en galego no ensino regrado que sexa á vez ampla e con calidade científica e pedagóxica. Deste xeito, dáselles cumprimento ás disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e mais na Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia referentes ás obrigas da Xunta con respecto ao fomento de materiais didácticos en lingua galega para as áreas que se imparten neste idioma.
Ademais, as disposicións danlle cumprimento á recomendación do Plan xeral de normalización da lingua galega de promover materiais didácticos “en soportes diversos que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz”.