A exposición central das Letras Galegas 2017 abre as súas portas no Concello de Ribeira

A mostra itinerante, promovida pola Fundación Carlos Casares co apoio da Xunta de Galicia, poderá visitarse no auditorio municipal ata o 3 de setembro

Ven, 28/07/2017 - 21:00

A exposición Os mundos de Carlos Casares abre hoxe as súas portas en Ribeira, onde permanecerá ata o próximo 3 de setembro no auditorio municipal. Alí foi inaugurada esta tarde, nun acto no que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, se referiu ao autor como “un dinamizador imprescindible dalgunhas das institucións culturais máis importantes de Galicia, así como un impulsor da renovación cultural e social da nosa terra”.

“A súa traxectoria vital, a súa produción literaria, o seu constante compromiso coa cultura e coa lingua galegas debuxan o mapa completo dun escritor que recibiu desde moi cedo o recoñecemento da crítica e mais dos lectores”, recordou o secretario xeral, que interviu no acto xunto co administrador da Fundación Carlos Casares e fillo do escritor, Håkan Casares; co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, e coa vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, Goretti Sanmartín.

A mostra central das Letras Galegas 2017 é un proxecto itinerante impulsado pola Fundación Carlos Casares coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación –a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística–, dos concellos de Ourense e de Xinzo de Limia e mais polas deputacións provinciais de Ourense e da Coruña que está a percorrer Galicia durante este ano.

Os mundos de Carlos Casares

Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez, a mostra propón un achegamento ao universo vital e literario do autor ourensán, a través dunha sucesión de territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña... e O Redondel, nos que se tratan aspectos fundamentais da traxectoria vital e creativa de Casarares, e da súa interacción co mundo.

Logo da súa apertura en Ourense, no mes de abril, a exposición chegou á capital de Galicia e á Coruña. Logo do seu paso por Ribeira, nas próximas semanas recalará en Arzúa, Vigo, Pontevedra, Lugo e Xinzo de Limia. As datas do calendario da itinerancia poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da web www.cultura.gal

Un referente da literatura galega

Membro numerario da Real Academia Galega ata o seu pasamento en 2002, Casares foi un dos autores de referencia da narrativa galega do século XX, cun compromiso con gran público lector, tanto a través das súas obras como das súas colaboracións na prensa. Esta faceta de escritor compaxinouna primeiro co seu labor como ensinante e despois cunha dimensión pública como xestor e dinamizador de proxectos de gran relevancia para a cultura galega, como a editorial Galaxia, da que foi director, o Consello da Cultura Galega, que presidiu entre os anos 1996 e 2002, ou o Centro PEN Galicia, ademais da propia Real Academia Galega. Casares tamén xogou un papel importante na difusión exterior da nosa literatura, grazas á súa participación permanente en espazos de encontro internacional de escritores.
 

Menús News node R