Galicia acada tres trimestres consecutivos cun abandono educativo temperá por debaixo dos 15 puntos
O dato do segundo trimestre do ano supón un descenso de 0,4 puntos respecto do mesmo período do ano anterior
Galicia vén de acadar por terceiro trimestre consecutivo un dato de abandono educativo temperá por debaixo dos 15 puntos. Así o reflicten as cifras publicadas hoxe polo instituto Galego de Estatística (IGE), segundo os que o abandono educativo en Galicia no segundo trimestre de 2017 foi do 14,7%, o que supón 0,4 puntos menos ca no mesmo trimestre do ano 2016. Con este novo dato, a Comunidade continúa polo bo camiño para alcanzar unha media anual acorde co obxectivo do 15% fixado para España pola Unión Europea na Estratexia, Educación e Formación para o ano 2020.
Cómpre lembrar que Galicia pechou o ano 2016 cunha media anual neste ítem do 15,2%, o que supuxo 1,8 puntos menos ca media do ano anterior e 3,8 menos que a media de España. Esta última media anual supón unha mellora moi considerable respecto do dato de peche de ano do 2009, cando o abandono educativo temperá chegou ao 25,8%.
O abandono educativo temperá defínese como a poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa (Bacharelato ou FP de grao medio) e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada).