O vindeiro curso 9 escolas unitarias deixan de prestar servizo debido ao baixo número de alumnado
Como cada ano, a Consellería de Cultura e Educación adapta as necesidades educativas de cada zona á realidade social para garantir a viabilidade da escola, sobre todo no eido rural
O departamento educativo mantén os mesmos criterios que nos últimos anos, que é pechar aqueles centros que conten con cinco ou menos nenos matriculados
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de rematar a revisión da matricula dos centros escolares públicos nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial para o vindeiro curso 2017/18, un proceso habitual que se leva a cabo todos os anos antes do inicio de cada curso co fin de adecuar o número de unidades ao de alumnas e alumnos matriculados en cada centro educativo.
Conforme aos datos definitivos de matrícula, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 9 escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros. Cómpre sinalar que a Consellería mantén, un ano máis, o mesmo criterio para suprimilas. É dicir, que conten con cinco ou menos alumnos/as.
Así, na provincia da Coruña non reúnen os requirimentos para continuar abertas as EEI de Saltiño, en Boiro (con 0 alumnos/as); o CEIP de Revoltiña, na Laracha (con 4 alumnos/as), a EEI de Rúa, en Padrón (con 5 alumnas/os), e a EEI de Seira, en Rois (con 1 alumno). En Ourense atinxe ao CEIP Víctor M. Vázquez Portomeñe, de Xunqueira de Espadanedo (sen alumnos). Por último, na provincia de Pontevedra, deixarán de funcionar a EEI Monte da Vila, no Grove (con 4 alumnos/as), a EEI de Xil-Meaño, en Meaño (con 5 alumnos/as), a EEI de de Portosanto, en Poio (con 4 alumnos/as) e a EEI de Tremoedo en Vilanova de Arousa ( con 4 alumnos/as). En calquera caso, todos os alumnos e alumnas destes centros teñen asegurada unha praza escolar noutro centro educativo próximo.
Tamén cada ano, atendendo aos datos oficiais de matrícula, lévase a cabo un proceso de reorganización de unidades dentro dos propios centros educativos que leva consigo, ben a creación de novas unidades, ben a supresión doutras e o reagrupamento en función do incremento ou diminución de alumnado. Así mesmo, habilitáronse unidades (sen creación) para o suposto de desdobramentos de aulas cando existe un incremento puntual ou circunstancial do número de alumnos ou alumnas; pero non hai perspectivas que garantan que esa situación se consolide nos vindeiros anos. Os datos globais das unidades por provincias son os que a seguir se detallan:
Provincia |
Supresións |
Creacións |
Habilitacións |
TOTAIS |
A Coruña |
-27 |
+8 |
+7 |
-12 |
Lugo |
-5 |
+9 |
+1 |
+5 |
Ourense |
-5 |
+3 |
+8 |
+6 |
Pontevedra |
-36 |
+6 |
+5 |
-25 |
TOTAIS |
-73 |
+26 |
+21 |
-26 |
Os datos concretos poden consultarse no enderezo web https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170726/AnuncioG0164-110717-0002_gl.html
Esta decisión da Consellería responde á obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos educativos sostidos con fondos públicos, adecuándoos tanto ás necesidades educativas de cada zona como á realidade social.