Educación e a ONCE renovan o acordo para a atención especializada a alumnos con discapacidade visual
Uns 350 rapaces se beneficiarán desta iniciativa de atención á diversidade, á que a Consellería destinará máis de 210.000 euros durante este ano e o vindeiro
O obxectivo último é promover un ensino de calidade e axustado ás necesidades de cada alumno
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) veñen de renovar a súa colaboración co fin de prestar atención especializada a 352 alumnas e alumnos con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e mailo delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez, asinaron esta mañá a addenda ao convenio acadado en 2013 entre ambos organismos, que fai posible que 6 profesores do corpo de mestres desenvolvan as súas tarefas profesionais nos equipos específicos da ONCE, prestando apoio ao alumnado cego ou con discapacidade visual, tanto en educación primaria, 1º e 2º da ESO, como en centros e unidades de educación especial. A Consellería destina a este convenio un total de 210.139,28 euros. Ao abeiro deste acordo facilítase o acceso do alumnado con discapacidade visual escolarizado en centros ordinarios aos recursos tecnolóxicos e a transcrición e gravación a braille dos libros de textos e dos materiais curriculares. Deste xeito, favorécese a súa inclusión educativa, á par que unha atención especializada e axeitada ás súas necesidades. En concreto, o convenio permite establecer un marco de colaboración para a atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave, así como das súas familias e dos centros educativos aos que asistan; promover a coordinación dos servizos educativos e dos complementarios, organizando e facendo rendibles os recursos das diferentes institucións; e facilitar a conformación de equipos específicos para a atención educativa a este alumnado. Neste sentido, o obxectivo do convenio é a unión de forzas para dar cumprimento ao compromiso fixado pola Consellería a partir da publicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso xúntanse os recursos materiais da ONCE ao capital humano do profesorado que cede a Consellería neste acordo. Con este mesmo fin, o departamento educativo da Xunta de Galicia vén colaborando, en materia de transporte escolar adaptado e comedor, con entidades como Autismo Ourense, Aspanaes, Amencer-Aspace, Aspronaga, Fundación MENELA, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Amicos, ACEESCA, Grumico, ASCM FERROL, BATA.