O programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’ chegará este verán a 1500 mozos

Trátase dunha iniciativa das consellerías de Política Social e de Cultura e Educación para promover o uso do galego nos campamentos estivais da Xunta de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentaron esta mañá en Ribadeo a sétima edición do programa

Ven, 21/07/2017 - 15:28
O programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’ chegará este verán a 1500 mozos

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitaron esta mañá o Campamento Xuvenil A Devesa de Ribadeo, onde presentaron a sétima edición do programa de dinamización da lingua galega nos campamentos de verán da Xunta de Galicia ‘O galego campa!’.

Valentín García lembrou que as accións conxuntas entre Educación e Política Social para a promoción do galego entre a xente nova, que comezaron sendo puntuais, “están frutificando nun completo Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade actualmente en fase de elaboración”. Por outra banda, o secretario xeral dirixiuse ao monitorado presente para animalo a empregar o galego na súa actividade profesional con mozos e mozas para “garantir a acollida aos galegofalantes e facer aflorar nos campamentos esa lingua que moitos rapaces traen das súas casas, pero que non sempre usan con descoñecidos”.

Máis prazas e máis investimento

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado lembrou que a oferta total de prazas da Campaña de Verán 2017 ascende a 9.572, 526 máis que en 2016, e o investimento global sitúase en 2,9 millóns de euros, un 11% máis que a anterior edición. A oferta estrutúrase en seis eixes dirixidos a mozos e mozas de 9 a 30 anos: os campamentos para menores de 18 anos, campamentos noutras Comunidades Autónomas, as actividades para maiores de 18 anos, a oferta concertada, os campos de traballo e a programación para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior. Vázquez puxo o acento no seu carácter inclusivo ao reservar máis prazas para fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero, para menores en situación de garda ou tutela administrativa e para mozos e mozas con discapacidade. E ao fío da presentación desta maña, a directora xeral lembrou que a finalidade desta campaña “é que os mozos e mozas se divirtan e, ao mesmo tempo, que as actividades que se propoñen sirvan para o seu enriquecemento persoal e vital e coido que a iniciativa que traemos hoxe a este campamento da Devesa cumpre sobradamente estes dous obxectivos”.

1500 rapaces e rapazas de 19 campamentos

Durante o mes de xullo, ‘O galego campa!’ estase desenvolvendo en 12 campamentos de verán que se celebran nos albergues xuvenís Quiroga, Equal (Coles), Penedos de Xacinto (Entrimo) e Mariña Española (Sada) e mais nos campamentos xuvenís Illa de Ons (Bueu), Espiñeira (Boiro), Os Chacotes (Palas de Rei), Furelos (Melide), A Devesa (Ribadeo) e Pontemaril (Forcarei) .

No mes de agosto, este programa de dinamización lingüística chegará a outros sete campamentos máis. Os que se desenvolverán no Complexo O Corgo (Muíños), na Estación de Montaña de Manzaneda, no Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son) e nos albergues xuvenís de Gandarío (Bergondo), Equal e As Sinas (Vilanova de Arousa).

En total, nesta sétima edición ‘O galego campa!’ estará presente en 19 campamentos que se celebrarán en 15 instalacións diferentes das catro provincias galegas. Deste xeito, chegará a preto de 1500 rapaces e rapazas de 9 a 17 anos participantes nas actividades estivais da Xunta de Galicia para a mocidade.

Actividades, formación e materiais para promover o galego

‘O galego campa!’ é un programa de dinamización lingüística que as consellerías de Cultura e Educación e mais de Política Social desenvolven a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Desde a súa posta en marcha en 2011, ‘O galego campa!’ vén ofrecendo actividades para promover a visibilización e o uso da lingua galega no contexto dos campamentos de verán da Xunta de Galicia, así como formación e recursos para o monitorado. Estes últimos están recollidos dende o 2015 no “Repositorio dixital do tempo libre en galego”, ao que se pode acceder desde o Portal da lingua galega (www.lingua.gal/o-galego-campa).

Menús News node R