O novo decreto de formación do profesorado potenciará a innovación educativa e facilitará o acceso a unha oferta diversificada enfocada á mellora da calidade e do éxito escolar
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde a este texto, que establece unha nova planificación e organización da formación permanente do profesorado
A formación permanente do profesorado ao longo da súa carreira profesional é un elemento clave que marca en gran medida as posibilidades de éxito e a calidade do sistema educativo galego. Consciente da importancia deste elemento estratéxico a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aproba un novo decreto de formación permanente do profesorado. Este decreto ten como finalidade fornecer o sistema educativo galego das estruturas precisas para fomentar e facilitar a participación, a innovación, o desenvolvemento do talento profesional e promover, entre outras, as actividades de innovación educativa, de formación relacionadas coas novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), co ensino e aprendizaxe das linguas estranxeiras e, en xeral, as que axuden ao éxito educativo. Desta forma, a Consellería adapta esta formación ás necesidades e exixencias que presenta o sistema educativo actual, polo que o texto redundará nunha maior calidade educativa e, polo tanto, nun mellor servizo para a cidadanía.
O decreto aprobado hoxe establece ademais unha nova planificación da formación, en torno a un plan estratéxico e aos plans anuais. Así, no plan estratéxico definiranse os obxectivos que hai que conseguir no remate dun período de catro anos, así como a súa concreción en obxectivos. Nos plans anuais desenvolveranse os obxectivos ano a ano, a través de medidas e accións concretas. Para a elaboración de ambos os dous teranse en conta as necesidades de formación dos docentes e as propostas realizadas por estes.
Estrutura en rede
Dentro dunha estratexia global enfocada á mellora continua e á adaptación constante ás necesidades do sistema educativo que garantan unha mellora na calidade, adáptanse as estruturas formativas de xeito que sexan máis áxiles e capaces de dar resposta ás necesidades detectadas de formación, funcionando como unha rede que promova a expansión dos coñecementos e a captación do talento do propio sistema.
Como principal novidade na organización das estruturas formativas recóllese a creación do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), elemento central na nova estrutura con importantes funcións tanto no deseño e elaboración dos plans anuais como na coordinación do seu desenvolvemento.
Xunto co CAFI, a rede de formación complétase cos centros de formación e recursos, responsables dentro dos seus ámbitos xeográficos das accións formativas. Ademais, súmase a nova figura dos centros colaboradores, centros facilitadores que achegan sobre o terreo o acceso do profesorado aos recursos e actividades, e regúlase por primeira vez a figura das persoas coordinadoras da formación, que poden existir nos centros que determine a Consellería, peza fundamental de enlace coas estruturas de formación para conseguir a maior eficacia no desenvolvemento das accións formativas.
Con esta formulación de rede en círculos concéntricos, a formación parte e chega á vez ao núcleo mesmo dos centros e de cada un dos seus profesionais, contribuíndo á retroalimentación do sistema. Aumentará a calidade na formación mediante o seguimento e axuste ás súas necesidades, favorecendo e potenciando o traballo por proxectos e equipos de profesores con necesidades e intereses comúns.
Ademais, nun esforzo por sumar recursos e talento regúlase a colaboración doutras entidades ou institucións na formación do profesorado cunha finalidade complementaria á oferta pública e artellada mediante instrumentos como os convenios de colaboración.