A Consellería de Educación vén de adaptar 13 novos currículos de FP e está a tramitar 4 decretos de ensinanzas artísticas superiores de grao

Desta forma o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad impulsa a mellora da calidade do sistema educativo galego

Mér, 13/04/2011 - 13:30

Vídeo coas declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de adaptar 13 novos currículos de ciclos formativos ás esixencias da Lei das Cualificacións Profesionais e da Lei Orgánica de Educación (LOE) que, tal e como anunciou hoxe o conselleiro Xesús Vázquez Abad, pasarán polo Consello da Xunta nos vindeiros meses, no marco da estratexia de impulso da FP desenvolvida polo Goberno galego no que vai de lexislatura.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou ademais que xa están de camiño do Consello Escolar os decretos para establecer os plans de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Arte dramática, Música, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais.

“O obxectivo -dixo- é conseguir unhas titulacións que abran aos estudantes as portas do mundo laboral, o que é de suma importancia nestes tempos nos que o paro entre os máis novos está a ser un lastre social”.

13 novos currículos

O conselleiro de Educación lembrou a estratexia de posta en valor da FP que está a desenvolver a Xunta de Galicia, precisamente para impulsar unhas ensinanzas con altos niveis de empregabilidade. Deste xeito recordou o novo decreto que regula a FP para formar ás persoas conforme as necesidade do sistema produtivo de Galicia; unha tarefa pendente desde a aprobación da Lei de cualificacións profesionais en 2002 e que a actual Consellería sacou adiante en pouco máis dun ano.

Ademais recordou que a Consellería xa tiña adaptado no que vai de lexislatura 28 currículos, e anunciou que a Consellería vén de adaptar outros 13, o que fai un total de 41 no que vai de lexislatura. En concreto, tal e como explicou o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, serán os de técnico superior en Dirección de cociña, Dirección de servizos de restauración, Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma, Desenvolvemento de aplicacións web, Procesos e calidade na industria alimentaria, Sistemas electrotécnicos e automatizados e Proxectos de edificación. Ademais adaptaranse os currículos de grao medio en Electromecánica de vehículos automóbiles, Xardinaría e floraría, Elaboración de produtos alimentarios, Instalacións frigoríficas e de climatización, Instalación de produción de calor e Carpintaría e moble.

Estas novas titulacións redundarán nunha mellor preparación dos titulados dos ciclos formativos, que poderán dar resposta ás necesidades dos sectores produtivos de Galicia. Ademais, estes estudantes terán maiores facilidades de mobilidade entre estudos. Para iso os novos currículos, establecen a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención; así como os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias.

Ademais os novos currículos, abren a posibilidade de acceder aos estudos universitarios desde calquera ciclo formativo de formación profesional de grao superior; e a de validar os estudos de formación profesional de grao superior por créditos universitarios ECTS -Sistema Europeo de Transferencia de Créditos-.

Ensinanzas artísticas

O conselleiro de Educación fixo fincapé ademais no traballo que a Consellería está a desenvolver para adaptar ás esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) os plans de estudo das ensinanzas artísticas. Neste sentido Vázquez Abad anunciou que xa están en tramitación os decretos para regular as ensinanzas artísticas superiores de grao en Arte dramática, Música, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais.

“Con estes decretos -dixo- fíxanse plans de estudo para cada unha das especialidades e materias, sinalando as competencias que terán que acadarse para cada unha das distintas disciplinas. Deste xeito, estes decretos completan de maneira global o marco no que terán que desenvolverse estas ensinanzas, o que redundará nunha mellora da súa calidade e da preparación do alumnado que as curse”.

Impulso á FP

Os currículos de Formación Profesional hoxe presentados constitúen un paso máis na estratexia de posta en valor da FP que está a desenvolver a Consellería de Educación. Neste mesmo marco cómpre destacar iniciativas dirixidas a estes estudantes, tales como o concurso FP Idea, convocado este ano por segunda vez por Educación e que no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia “Eduemprende”, premiará os mellores proxectos empresariais e as ideas mais innovadoras do alumnado de ciclos de grao superior sostidos con fondos públicos, nos centros de formación profesional de Galicia.

Trátase duns premios que teñen como obxectivo mellorar a autonomía emprendedora, persoal e profesional do alumnado e potenciar o desenvolvemento de proxectos empresariais e liñas de negocio innovadoras, favorecendo deste xeito a empresarialidade; así como a mellora na capacitación en materia de emprendemento do profesorado que apoie a estes alumnos e alumnas.

Éxito nas SpainSkills

Doutra banda, e froito deste impulso á FP, cómpre lembrar o éxito do alumnado galego de ciclos formativos nas Olimpíadas Nacionais de Formación Profesional desenvolvidas a semana pasada en Madrid, SpainSkills 2001, nas que se acadaron 4 medallas de ouro, 4 de prata, 4 bronces e 3 premios de excelencia.

Así, Galicia foi a 3ª comunidade autónoma no medalleiro, e 11 dos rapaces premiados formarán parte da delegación que representará a España nas World Skills 2011, que se celebrarán en Londres no mes de outubro.

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria