Valentín García anima a celebrar as continuidades cultural e lingüística de Galicia e Portugal na gala aRi(t)mar 2017

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na presentación da gala, que se celebrará no Teatro Principal de Santiago o próximo 31 de outubro

A Xunta apoia a iniciativa impulsada desde a escola oficial de idiomas compostelá, no marco das accións coas que se desenvolve a Lei Paz-Andrade

Ven, 07/07/2017 - 13:03
Valentín García anima a celebrar as continuidades cultural e lingüística de Galicia e Portugal na gala aRi(t)mar 2017

O salón de actos do Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acolleu esta mañá a presentación da Gala aRi(t)mar 2017, que reunirá na capital de Galicia os músicos e poetas galegos e portugueses premiados na segunda edición dos Premios aRi(t)mar Galiza e Portugal. Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa –a través da Escola de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela- que apoia a Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco das accións coas que a Xunta de Galicia desenvolve a coñecida como Lei Paz-Andrade.

Valentín García animou os galegos e galegas a formar parte o próximo 31 de outubro nun evento “que é participativo desde a súa concepción, unha festa da irmandade entre Galicia e Portugal que celebra as continuidades xeográfica, cultural e lingüística de ambas as comunidades”.

Na presentación da gala aRi(t)mar 2017 interviñeron tamén Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña; María Rozas, concelleira de Economía e Facenda de Santiago, e Gonzalo Constenla, director da EOI compostelá.

Premios a Ses, Quinta do Bill, Paco Souto, Pedro Craveiro e Narf

Ses e os portugueses Quinta do Bill, na categoría de música, e Paco Souto e Pedro Craveiro, na categoría de poesía, son os gañadores da II edición dos Premios  aRi(t)mar Galiza e Portugal que se entregarán na próxima gala aRi(t)mar 2017. Esta celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela o próximo 31 de outubro. No festival, con entrada gratuíta, interpretaranse as cancións e poemas gañadores e concederáselle a Fran Pérez, Narf, o Premio da Embaixada da amizade galego-lusófona a título póstumo. Precisamente, na súa intervención durante a rolda de presentación, o secretario xeral de Política Lingüística tivo un recordo especial tanto para Narf como para o poeta Paco Souto, recentemente falecidos.

aRi(t)mar distinguiu catro categorías de premios votados pola comunidade educativa virtual e social da EOI e mais polo público xeral galego e portugués entre dez poemas e cancións finalistas seleccionadas por un xurado que integraron os membros do seu equipo de dinamización da lingua galega (EDLG).  Máis de 7000 persoas participaron, en Galicia e Portugal, nas votacións para elixir os gañadores. As cancións e as poesías seleccionadas nesta II edición de aRi(t)mar poden lerse e escoitarse, canda ás pezas finalistas, no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e no web da EOI de Santiago www.eoisantiago.org.

Colaboración interinstitucional

A II edición de aRi(t)mar Galiza e Portugal é un proxecto do equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) e os departamentos de galego e de portugués da EOI de Santiago de Compostela que ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editadas en 2016 en Galicia e en Portugal, amais de achegar as linguas e as culturas que configuran os dous territorios ás dúas beiras do Miño, no marco da Lei  1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, mais coñecida como Lei Paz-Andrade. Conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Santiago e da Deputación Provincial da Coruña, así como coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia, que ten asinado un protocolo para a difusión do evento coa Consellería de Cultura e Educación. Colaboran tamén con aRi(t)mar o Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões, os institutos de secundaria da Consellería que imparten portugués como lingua estranxeira, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e as EOI de Lugo e de Pontevedra.

Menús News node R