Educación e Concello de Lugo desbloquean a construción do novo CEIP Sagrado Corazón, no que a Xunta investirá 3 millóns €

O conselleiro Román Rodríguez e maila alcaldesa, Lara Méndez, asinaron hoxe a posta a disposición dos terreos que albergarán o novo edificio

A maiores Educación subvencionará con 89.000 euros o servizo de oito comedores escolares xestionados polo Concello de Lugo, que por primeira vez se incorpora a este tipo de acordos coas entidades municipais

Ven, 07/07/2017 - 12:58
Educación e Concello de Lugo desbloquean a construción do novo CEIP Sagrado Corazón, no que a Xunta investirá 3 millóns €
Educación e Concello de Lugo desbloquean a construción do novo CEIP Sagrado Corazón, no que a Xunta investirá 3 millóns €

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e maila alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinaron hoxe dous convenios de colaboración en materia educativa que supoñen un importante mellora tanto desde o punto de vista de infraestruturas coma de servizos escolares.

Trátase do convenio entre a Xunta e o Concello para a construción do novo CEIP Sagrado Corazón, e do convenio para financiar o servizo de comedor escolar de xestión municipal en oito centros educativos.

Novo CEIP Sagrado Corazón

Ambas institucións deron luz verde ao convenio de posta a disposición dos terreos para a construción do novo CEIP Sagrado Corazón, co que quedan solucionadas as determinacións urbanísticas requiridas para iniciar as obras de dito edificio.

Unha vez que entre en vigor dito convenio, a Consellería procederá a licitar a redacción do proxecto técnico, co fin de iniciar as obras en 2018. Á falta das concrecións técnicas, Educación estima un investimento de arredor de tres millóns de euros para este novo colexio de titularidade propia que dará cabida ao alumnado escolarizado no actual CEIP Sagrado Corazón.

A través deste convenio, o Concello pon a disposición da Consellería uns terreos da súa propiedade que suman unha superficie total de 10.046 m2 no polígono do Sagrado Corazón. A construción do edificio principal do centro farase nunha parte dos terreos que suman unha superficie de 6.282 m2 e teñen a condición de Sistema Xeral de Equipamento. Na parte restante, posto que polo de agora non conta coas condicións necearias para ser edificada para uso docente, edificaríase  nunha segunda fase un polideportivo cuberto, unha pista descuberta, patios e espazos libres. Así mesmo, o Concello deberá outorgar as preceptivas licencias de edificación necesarias para acometer as obras.

O conselleiro Román Rodríguez congratulouse de este acordo que permite desbloquear a construción dun novo servizo educativo para a cidade de Lugo, cun edificio que reunirá todas as condicións e o equipamento necesario para a docencia nunhas novas instalacións.

Román Rodríguez subliñou que a construción do novo centro reafirma o compromiso coa mellora dos servizos educativos na cidade da Muralla, e que queda referendado nunha serie de obras de mellora de centros, como é a ampliación do CEIP As Mercedes onde a Educación acaba de iniciar a ampliación, por un importe de 500.000 euros. Esta actuación abrangue a construción dunha segunda planta que acollerá catro novas aulas de máis de 50 metros, unha aula de recursos e aseos. Ademais, co fin de mellorar a accesibilidade do edificio, instalarase un ascensor e ramplas de acceso.

Subvención para o servizo de comedor escolar

Así mesmo o conselleiro Román Rodríguez e maila alcaldesa, Lara Álvarez, asinaron un convenio de colaboración en materia de comedores escolares. A través de dito acordo, Educación subvencionará con 89.000 euros o servizo de comedor escolar en oito centros que xestiona o Concello durante os dous vindeiros cursos. Deste xeito, Lugo incorpórase por primeira vez ao conxunto de concellos que reciben financiamento por parte da Consellería para este servizo.

No caso de Lugo atinxe aos CEIP Albeiro, Anexa, As Mercedes, Illa Verde, Menéndez Pelayo, Luís Pimentel, Rosalía de Castro e o Sagrado Corazón, que suman un total de 500 usuarios beneficiarios.

No marco deste acordo de colaboración, a Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar. Pola súa banda, o Concello comprométese á contratación da elaboración e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.