Educación duplica o número de auxiliares de alto perfil académico en inglés
O conselleiro Román Rodríguez e os representantes da Comisión Fulbright asinaron a addenda pola que se renova a convenio para o vindeiro curso, a través do cal un total de 24 estadounidenses prestarán servizo nos centros galegos
O curso que vén prevense alcanzar os 550 auxiliares, un 10% máis que este ano
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e os representantes da Comisións Fulbright veñen de renovar o convenio para duplicar o número de auxiliares de conversa estadounidenses de alto perfil académico en inglés de cara ao vindeiro curso 2017/18. En concreto, serán un total de 24 as persoas que presentarán servizo nos IES galegos a través deste acordo, contribuíndo tanto a mellorar o dominio da lingua inglesa como ao fomento das vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Informática).
Ademais do conselleiro, por parte da Comisión Fulbright de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América asinaron a addenda o agregado cultural da embaixada de EEUU en Madrid e cotesoureiro da Comisión, Christopher Quade; e o director de Relacións Culturais e Científicas da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e copresidente do organismo, Roberto Varela Fariña. Tamén estiveron presentes o director executivo da Comisión, Alberto López; e a xefa do programa de auxiliares de conversa, Victoria Ruiz.
En concreto, a Consellería achegará máis de 213.000 euros a este cometido, o dobre que no curso 2016/17; mentres que a Comisión Fulbright destinará preto de 65.000 euros. A propia Comisión farase cargo do proceso de preparación e difusión da convocatoria e da preselección dos auxiliares de conversa, segundo os criterios de obxectividade, calidade e independencia que rexen os seus programas; e encargarase do seguimento do programa e da xestión do aboamento das compensacións mensuais ás persoas bolseiras, así como da organización dos seminarios de orientación e seminario de seguimento e evolución que se realiza para todas as persoas bolseiras Fulbright estadounidenses en España.
Nova estratexia de linguas estranxeiras, EDUlingüe
Esta acción enmárcase na nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, coa que se busca duplicar o número de auxiliares de conversa, ata chegar aos 1000. De feito, e xa de cara ao curso que vén, a previsión pasa por incrementar o número total de persoas que prestan este servizo en preto dun 10%, pasando das 504 actuais a 550, mantendo a Galicia como a segunda comunidade en ratio de auxiliares por alumno.
A figura do auxiliar de conversa é un elemento clave para acercar a realidade cultural e lingüística d seu país de orixe ao alumnado galego. Deste xeito, estas persoas levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando as prácticas de conversa en linguas estranxeiras. Ademais, representan un auténtico vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo, polo que contribúen a reforzar o labor docente na compoñente de multiculturalidade.
Debido ao alto perfil académico das persoas candidatas é previsible que aporten un alto valor engadido aos proxectos plurilingües, por exemplo en ámbitos como os de materias STEM (Ciencias, Tenoloxía, Enxeñarias e Informática).