A App ‘Bicicoruña’ do IES Ramón Menéndez Pidal faise coa terceira edición do premio inventa en galego
Valentín García presidiu esta mañá na Coruña a entrega destes galardóns que promove Igaciencia co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística
IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo obtivo o segundo premio por un conxunto de 7 aplicacións diferentes
No mesmo acto entregáronse tamén os premios Sensores para Todos, que Igaciencia leva adiante co apoio do Concello da Coruña
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presidiu esta mañá no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña a entrega do III premio Inventa en Galego que promove Igaciencia co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O galardón recaeu este ano na aplicación “BiciCoruña”, elaborada por alumnado de segundo de bacharelato do dito centro educativo baixo a dirección da profesora Paz Freire Campo. O segundo premio recaeu no conxunto de apps presentadas polo estudantado de primeiro de bacharelato do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo, coordinado polo docente Ángel Acción Lamas.
Valentín García explicou que o certame Inventa en Galego ten unha dobre repercusión: “primeiro, no alumnado que elabora as aplicacións e descobre a utilidade do galego para desenvolver os seus proxectos tecnolóxicos; despois, nos usuarios e usuarias de apps tan interesantes e útiles como as que hoxe premiamos, que ven a posibilidade de empregar a nosa lingua na resolución dos seus problemas cotiáns a través das novas tecnoloxías”.
O secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado durante a entrega dos galardóns polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; polo presidente de Igaciencia, Manuel Díaz, e pola directora do IES anfitrión, Estrella Pérez. No mesmo acto, entregáronse tamén os premios Sensores para Todos, que Igaciencia leva adiante co apoio do Concello da Coruña.
Proxectos premiados
“BiciCoruña”, a creación do IES Menéndez Pidal que se fixo co primeiro premio desta terceira edición de Inventa en Galego, é unha app que mostra as paradas de bicicleta da cidade herculina, sinala a súa situación nun mapa e dá información da ocupación dos postos de bici en tempo real. Ademais, permite acceder directamente ás paradas seleccionadas como favoritas.
O IES de Culleredo obtivo o segundo premio por un conxunto de sete aplicacións. Unha delas, “Auxilia2”, céntrase nos primeiros auxilios e preséntase como unha app “coa que poderás salvar máis dunha vida”. A ela súmanse “Actividades alternativas”, centrada nas propostas de ocio que ofrece a cidade da Coruña, e 5 aplicacións relacionadas coa localidade de Culleredo: “Estudonde”, app educativa con información de colexios, institutos, academias e bibliotecas da vila; “Goce Culleredo”, con actividades didácticas ou de ocio; “Coffeeredo”, sobre bares e cafeterías; “Cómete Culleredo”, destinada a fomentar o turismo e a gastronomía, e “CulleSport”, que contén “todo o deporte de Culleredo nunha app”.
Canto ao concurso Sensores para Todos, os premiados foron o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña co proxecto “Con Science Journal”, o IES de Brión con “Interpretación virtual interactiva”, o IES Ortigueira con “Domótica e vivenda bioclimática”, o IES Concepción Arenal de Ferrol con “Sensor de temperatura TMP36 de arduino1” e o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa con “Máquina medidora da radiación ultravioleta”.
Inventa en galego
Inventa en galego é unha proposta que Igaciencia -Institución Galega de Ciencia- lles fai aos centros educativos para que elaboren unha app Android na linguaxe de programación de App Inventor, unha ferramenta que ofrece posibilidades sinxelas e innovadoras para crear aplicacións funcionais para móbiles e tabletas.
Deste xeito, Inventa en galego achégalle a programación á mocidade para axudala a desenvolver o pensamento computacional e, asemade, créanse aplicacións que se executan en dispositivos de uso cotián para a xente nova, o que axuda a ampliar o uso destes en galego.