A Consellería de Educación regula por primeira vez o funcionamento dos Centros Integrados de Formación Profesional

Desta forma dáse resposta ás características singulares destes centros

Xov, 07/04/2011 - 16:14

A Consellería de Educación dotará por primeira vez os 11 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes da Consellería dun regulamento adaptado ás súas características específicas. Para iso, o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao Regulamento Orgánico de Centro (ROC) destes CIFP, unha tarefa pendente desde que se crearan polo Decreto 266/2007, do 28 de decembro.

Realidade socioeconómica

Ao abeiro deste regulamento os CIFP poderán por en marcha dinámicas de funcionamento e organización propias, de acordo coas súas necesidades particulares. Neste sentido, os centros dótanse dunha estrutura interna, distribuída en áreas funcionais, que lles permite afrontar os seus fins e as súas funcións para mellorar as relacións coa comunidade do seu contorno.

Neste sentido, este regulamento ten en conta que os CIFP deben funcionar en consonancia coa realidade socioeconómica da área do centro, as expectativas da cidadanía, as demandas de formación e as perspectivas de desenvolvemento económico e social, coa finalidade de realizar unha oferta que dea resposta ás necesidades de cualificación profesional dos sectores produtivos galegos. Non en balde, os centros integrados de formación profesional constitúen institucións ao servizo da cidadanía e do sector produtivo, que deben contribuír á cualificación e recualificación das persoas, acomodándose ás súas expectativas profesionais.

Estrutura funcional

Entre as principais novidades do decreto está a determinación da estrutura interna dos CIFP, para os que se deseña unha organización distribuída en tres áreas funcionais, para afrontar os fins e as funcións propias destes centros, mellorar as relacións coa comunidade e co ámbito produtivo e fomentar as relacións e o intercambio de experiencias entre os centros integrados.

Deste xeito, haberá unha área de calidade, innovación e orientación profesional que, ademais de ter competencias nas devanditas materias, se ocupará da formación do profesorado, da xestión dos programas internacionais, da relación con empresas, entidades, asociacións e outras institucións. Ademais, será a encargada da organización e da xestión dos procedementos para a obtención dun título de formación profesional por vías de aprendizaxe non formais e de calquera outra proba que a consellería competente convoque.

Respecto da estrutura restante, a área de formación terá responsabilidades na organización e na xestión das actividades formativas e do persoal docente do centro integrado; mentres que a área de administración e xestión se ocupará da administración e da xestión económica, administrativa, de material, de prevención de riscos laborais e de persoal non docente do centro integrado.

Aposta pola FP

Por outra banda, este ROC constitúe un paso máis na estratexia de posta en valor da FP que está a desenvolver a Consellería de Educación. Neste marco, o pasado ano foi aprobado o Decreto para a regulación da FP en Galicia, que establece a estrutura, organización e regulamentación xeral da FP do sistema educativo, e as directrices que deben cumprir os currículos dos diferentes ciclos formativos no ámbito da Comunidade Autónoma, respondendo ás necesidades dos seus sectores produtivos.

Ademais no que vai lexislatura Educación adaptou ás exixencias da Lei das cualificacións profesionais 28 ciclos formativos nesta lexislatura e harmonizou con eles outros 6 xa modificados polo goberno anterior.

Así son xa 4 os ROC aprobados lo que vai de lexislatura, xa que a Consellería de Educación vén dotou por primeira vez de regulamentos específicos as escolas oficiais de idiomas, conservatorios de música e danza, e escolas de arte e superiores de deseño, o que supón darlles un instrumento indispensable para a organización e funcionamento dos centros de ensinanzas de réxime especial, que ata o de agora tiñan que traballar, como norma supletoria, co regulamento dos IES.