Educación e Deputación de Ourense investirán 632.000 € na mellora de 42 centros da provincia
Román Rodríguez e José Manuel Baltar asinaron hoxe o protocolo de colaboración para coordinar as 53 actuacións, na mesma liña que xa se fixo os dous anos anteriores
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; asinaron hoxe o protocolo de colaboración para a coordinación da programación das obras de conservación, mantemento e mellora dos centros públicos de educación infantil, educación primaria e educación especial da provincia de Ourense. Ao acto tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Ao abeiro deste acordo, ao longo deste ano levaranse a cabo un total de 53 actuacións en 42 centros escolares, que suporán un investimento total de 632.000 euros.
Trala sinatura do protocolo, o conselleiro Román Rodríguez subliñou que este acordo xa consolidado -posto que é o terceiro ano que se leva a cabo- é un exemplo de coordinación e cooperación interadministrativa a prol da optimización dos recursos públicos, xa que se evitan duplicidades e se axilizan os trámites e as actuacións a levar a cabo. O conselleiro gabou, así mesmo, a disposición da Deputación de Ourense por participar un ano máis neste tipo de acordo que beneficia ao conxunto da comunidade educativa.
Actuacións programadas
Ao abeiro deste acordo financiaranse as obras en 42 centros de ensino da provincia de Ourense. En concreto os centros beneficiados polas obras que desenvolverá a Consellería serán o CEIP de Baltar (Baltar), CEIP Otero Pedrayo (Barco de Valdeorras), CEIP Nosa Señora de Xuvencos (Boborás), CEIP Os Blancos (Os Blancos), CEIP de Astaríz (Castrelo de Miño), CEIP Calvo Sotelo (O Carballiño), CPI Nosa Señora dos Remedios (Castro Caldelas), CEIP Carmen García Carrasco (Cenlle), CPI Antonio Faílde (Coles), CEIP Emilia Pardo Bazán (Leiro), CEIP de Oímbra (Oímbra), CEIP Mariña Mansa, CEIP Manuel Luís Acuña, CEIP Mestre Vide, CEIP Virxe de Covadonga, CEIP Irmáns Villar, CEIP Vista Hermosa, e CEIP de Prácticas (todos eles en Ourense), CEIP Roberto Blanco Pérez (A Peroxa), CEIP Valle Inclán (Muíños), CEIP Manuel Bermúdez Couso (Pobra de Trives), CPI Tomás de Lemos (Ribadavia), CEIP Eduardo Ávila Bustillo (A Veiga), CEIP Rodolfo Núñez (Vilardevós), CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía) e CEIP Ben Cho Shey (Pereiro de Aguiar).
Pola súa banda a Deputación actuará no CEIP Lorenzo Xocas (Bande), CEIP O Ruxidoiro e CEIP Filomena Dato (ambos en Barbadás), CEIP Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), CEIP de Beariz (Beariz), CEIP O Castiñeiro (Laza), CEIP O Xurés (Lobios), CEIP de Maceda (Maceda), CEIP Joaquina Gallego Jorreto (A Merca), CEIP Augusto Assia (A Mezquita), CEIP Valle Inclán (Muíños), CEIP de Luíntra (Nogueira de Ramuín), CEIP Ben Cho Shey (Pereiro de Aguiar), CEIP Manuel Bermúdez Couso (A Proba de Trives), CEIP Manuel Respino (A Rúa), CEIP Saco e Arce (Toén), CEIP de Sandiás (Sandiás), CEIP Eduardo Ávila Bustillo (A Veiga), CEIP Xosé Manuel Folla Respino (Vilamartín de Valdeorras).
Ao igual que nas edicións anteriores, nas obras que atinxen a instalacións deportivas dos centros docentes, estas poderán ser abertas ao uso xeral da poboación fóra do horario lectivo para fins educativos, deportivos e culturais sempre que non se interfira na programación das actividades dos centros e que se garanta a súa correcta utilización. Para tal fin, a Consellería estudará as fórmulas de colaboración coas respectivas entidades locais que permitan a efectividade desta cláusula sempre nos termos e condicións previstos no Convenio marco de colaboración entre a FEGAMP e a Consellería sobre o uso, por concellos galegos, de instalacións deportivas de titularidade da Consellería subscrito o 16 de outubro de 2014.