Educación abre o prazo para estender o plurilingüismo a infantil e bacharelato
Os centros educativos poden, desde mañá e ata o 30 de xuño, solicitar a oferta do Bacharelato de excelencia en idiomas (PluriBach) ou ampliar o ensino plurilingüe a Infantil (Plurinfantil) para o vindeiro curso 2017/18
Con esta convocatoria, a Consellería bota a andar o plan EDUlingüe, que impulsará a aprendizaxe das linguas estranxeiras en todas as etapas educativas e favorecerá que o alumnado poida acreditar o seu nivel ao remate de ESO e Bacharelato
O obxectivo é alcanzar en 2020 un total de 500 centros plurilingües, 600 novas seccións bilingües e o dobre de auxiliares de conversa, alcanzando os 1000
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións polas que se regula tanto o Bacharelato de excelencia en idiomas (PluriBach), como a extensión do ensino plurilingüe a educación Infantil (PluriBach), e se abre, en consecuencia, a convocatoria para que os centros sostidos con fondos públicos poidan solicitar a súa incorporación ao programa o vindeiro curso 2017/18. Con esta publicación, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria bota a andar a nova Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, presentada no Consello da Xunta o pasado 1 de xuño. Trátase, por tanto, do primeiro paso para estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas, desde Infantil ata a Universidade.
Ámbalas dúas resolucións poden consultarse na páxina web da Consellería a través das seguintes ligazóns: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22355 e http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22356. Os centros educativos poderán enviar as súas solicitudes desde mañá mesmo e ata o 30 de xuño.
Bacharelato de excelencia en idiomas
Poderán recibir esta denominación os centros sostidos con fondos públicos que xa ampliaron o plurilingüismo a esta etapa de xeito experimental ou os de nova incorporación. O PluriBach ten como finalidade promover no alumnado unha preparación máis profunda e especializada no idioma obxecto do programa, así como un achegamento máis específico ás diferentes materias que compoñen o currículo.
Deste xeito, o alumnado cursará materias curriculares ata 1/3 no idioma estranxeiro, así como unha materia extracurricular, en 1º e 2º curso, cunha carga horaria lectiva semanal de dúas ou tres horas. O horario, en lugar de 32 períodos lectivos, pasa a ser de 34 ou 35. Ademais, contará con actividades complementarias de formación organizadas polo centro como charlas, obradoiros ou proxectos cunha duración estipulada, ao longo dos dous cursos, de 40 horas. Así mesmo, terá á súa disposición un maior número de auxiliares de conversa, con maior horario e con perfís máis específicos. O obxectivo é que os mozos e mozas dispoñan de formación específica e facilidades para poder chegar a certificar o nivel B2 ao remate da etapa, ben a través das EOI ou das entidades certificadoras acreditadas.
En canto ao profesorado que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira, deberá ser especialista da materia que vaia impartir en lingua estranxeira, ou estar en posesión da habilitación correspondente. Ademais, e de xeito transitorio este ano, deberá acreditar, cando menos, un nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).
Cómpre ter en conta que, aínda que o nivel de referencia para impartir este bacharelato é o C1, para o vindeiro curso esixirase un mínimo de B2 co fin de estimular ao profesorado a mellorar a súa formación a través das actividades e estadías propostas ao abeiro do plan EDUlingüe. De feito, o profesorado que participe neste programa de innovación educativa recibirá un certificado acreditativo ao remate de cada curso escolar, cunha equivalencia de 50 horas de formación do profesorado para aquel que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira, e cunha equivalencia de 20 horas de formación do profesorado para a persoa coordinadora.
Plurilingüismo en educación Infantil
Por outro lado, tamén se abre a convocatoria para que os centros que pertencen á Rede de Centros plurilingües poidan estender o modelo plurilingüe ao segundo ciclo de educación Infantil. En Plurinfantil, os alumnos cursará áreas curriculares ata 1/3 no idioma estranxeiro, cun enfoque lúdico e partindo do traballo en grupo. Dispoñerán de actividades extraescolares e complementarias, así como do apoio de auxiliares de conversa con maior horario e perfís específicos. O profesorado, que debe ter como mínimo nivel B2 ou equivalente, contará con plans específicos de formación no centro.
EDUlingüe: máis oferta, máis formación e máis participación
Entre as novidades principais, cómpre destacar que a estratexia pretende alcanzar os 500 centros plurilingües (actualmente hai 282) en 2020, crear 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000. Ademais, e co fin de recoñecer os coñecementos do alumnado, promoverase que certifiquen o seu nivel de idioma ao remate de ESO e Bacharelato. Tamén se creará un Plan de Formación específico sobre Linguas Estranxeiras para o profesorado con 18.000 prazas; e fomentarase unha maior participación das familias a través das Escolas de Nais e Pais e mediante unha plataforma dixital de recursos.