A Xunta mobiliza 25 millóns de euros, a maior contía da súa historia, para grupos de investigación
A liña de axudas vai destinada a grupos de referencia competitiva, con potencial de crecemento, redes de investigación e proxectos de persoal investigador con axuda Starting Grant ou enmarcados no programa Ramón y Cajal
O obxectivo é construír un sistema de I+D+i galego forte, estruturado e que camiñe cara os estándares de excelencia e de competitividade no eido internacional
Desta iniciativa benefícianse un total de 830 investigadores universitarios
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), mobilizará preto de 25 millóns ata 2020, a maior contía da súa historia, co fin último de seguir construíndo un sistema de I+D+i galego forte, estruturado e que camiñe cara os estándares de excelencia e de competitividade no eido internacional. A convocatoria de axudas de 2017, que se pode consultar na páxina web da Consellería no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22351, está destinada a grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento, redes de investigación e proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.
O programa deste ano supón un dobre salto, tanto cualitativo como cuantitativo, con respecto ao de 2016. Por un lado, porque abre a porta á introdución de novos grupos de investigación a maiores dos que rematan coa axuda este ano e, por outra banda, porque o orzamento sube en 10 millóns de euros. En concreto, trátase dunha das convocatorias máis competitivas e da que maior contía destina ao ámbito da consolidación científica desde 2009.
A convocatoria -que nas vindeiras semanas se publicará no DOG- vai dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.
Apoio a proxectos de calidade e alto impacto
O obxectivo fundamental é asegurar que os grupos e as redes de investigación conten cun financiamento estrutural e continuado vinculado a criterios de calidade tanto das propostas realizadas como dos resultados obtidos. De xeito paralelo, o sistema debe atender tamén as diferentes realidades de investigadores individuais que xa contan cunha traxectoria excelente e que agora teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto no ámbito nacional e internacional.
En definitiva, trátase de asegurar un financiamento axeitado e sostido no tempo para que os investigadores, os grupos e as redes máis excelentes e competitivos en Galicia continúen traballando e afianzando a súa posición de liderado. Deste xeito, o Goberno galego dota os grupos de investigación dos instrumentos necesarios para a creación dunha contorna axeitada para a actividade científica e o desenvolvemento tecnolóxico na universidade.
Reforzo en cascada do modelo galego de investigación
Cómpre destacar que, pese ás dificultades económicas, Educación mantivo o financiamento estrutural aos grupos ao longo dos últimos anos. De feito, e sen contar a convocatoria actual, desde 2009 mobilizáronse preto de 90 millóns de euros para entidades grupais do SUG e, a día de hoxe, en Galicia están traballando arredor de 160 grupos de investigación con financiamento estrutural estable (entre os de potencial crecemento, os de referencia competitiva e redes de investigación en activo) e outros 26 investigadores emerxentes que tamén contan con financiamento público por parte do Goberno galego.
En termos de persoal, hai aproximadamente 830 investigadores universitarios que se benefician desta liña de axudas (titulares, catedráticos, axudantes-doutores, contratados-doutores,… con praza nas universidades). Estímanse uns 1000 investigadores de apoio contratados con cargo a proxectos de investigación.
Ademais, nestes momentos hai 296 investigadores predoutorais e posdoutorais financiados pola Consellería. Neste contexto, hai que lembrar que nas últimas semanas o Consello da Xunta aprobou as dúas convocatorias de 2017 para a formación de recursos humanos predoutorais e posdoutorais, dúas liñas de apoio que, no seu conxunto, suman máis de 16 millóns de euros ata 2020.
En definitiva, e xunto co financiamento aos centros singulares e ás agrupacións estratéxicas, estas iniciativas constitúen a pirámide de respaldo á investigación universitaria, un apoio en cascada que fortalece, ano a ano, o modelo galego de I+D+i.
As axudas da convocatoria de consolidación estrutúranse en catro modalidades:
Grupos de referencia competitiva (Modalidade A)
En Galicia, dentro dos grupos de investigación, os de referencia competitiva caracterízanse polos bos índices de publicacións científicas, por un elevado nivel de captación de recursos, competitivos a nivel estatal e internacional e con capacidade para formar e atraer investigadores mozos.
Neste caso, as axudas teñen unha duración máxima de catro anos e o importe das mesmas vén determinado por unha contía estrutural e outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo que, entre outros requisitos, deberá contar con, polo menos, cinco investigadores. A contía total que se mobiliza ascende a preto de 16 millóns de euros.
Grupos con potencial de crecemento (Modalidade B)
Os grupos con potencial de crecemento (GPC) teñen unha importante calidade investigadora que os pode conducir a converterse en grupos de referencia do sistema galego de I+D+I. Afianzar esta evolución é precisamente o que se trata de garantir con estas axudas. Neste caso, teñen un período de tres anualidades e os grupos deberán contar con, como mínimo, tres investigadores. A contía total que se mobiliza ascende a 5,7 millóns de euros.
Redes de Investigación (Modalidade C)
Os grupos de investigación poden aumentar as súas oportunidades de desenvolvemento e consolidación mediante a súa integración en estruturas tipo rede (grupos de grupos). Isto permite tanto a integración de capacidades dispersas como a competitividade máis aló do ámbito local. Nesta modalidade, as axudas van encamiñadas a impulsar un plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos de investigación.
Neste caso, a axuda consistirá nunha contía fixa anual de 30.000 euros para os anos 2017 e 2019 e de 60.000 euros para o ano 2018; e un mesmo grupo non poderá participar en máis de dúas redes con independencia da súa institución de procedencia e do ano de convocatoria. A contía total que se mobiliza ascende a 1,44 millóns de euros.
Proxectos de excelencia (Modalidade D)
Neste apartado regúlanse as axudas para proxectos de investigación de investigadores individuais que contan xa cunha traxectoria excelente ou que teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto nos ámbitos nacional e internacional.
Nelas contémplanse dous apartados: Unha liña de reforzo de traxectoria consolidada (investigadores excelente do SUG enfocada aos que conten cunha axuda Starting Grant); e unha liña de reforzo de traxectorias emerxentes (persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal das convocatorias dos anos 2012, 2013, 2014 e 2015). A contía total que se mobiliza ascende a preto de 1,7 millóns de euros.