Educación e Viaqua implantan na FP dual o novo ciclo de redes e estación de tratamento de augas

O conselleiro asinou hoxe un convenio con esta empresa para desenvolver nesta modalidade un grao medio para 15 alumnos e alumnas

Asemade, ambas partes colaborarán na formación en centros de traballo dos estudantes de formación profesional, na acreditación de competencias dos traballadores e na actualización de profesorado e equipamento

Ven, 02/06/2017 - 13:30
Educación e Viaqua implantan na FP dual o novo ciclo de redes e estación de tratamento de augas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román rodríguez; e Julio Masid Bande, en representación da empresa VIAQUA Xestión Integral de Augas de Galicia S.A.U. asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que 15 alumnos e alumnas poderán matricularse o vindeiro curso na modalidade de FP Dual do ciclo de grao medio en Redes e Estacións de Tratamento de Augas. A formación curricular deste título impartirase no CIFP Politécnico de Santiago, mentres que a complementaria e formación en empresa desenvolverase nas instalacións desta compañía. Cómpre salientar que se trata dun ciclo de nova implantación en Galicia – e de impartición moi reducida no resto do Estado-, polo que estes serían os primeiros titulados deste grao medio, o que supón unha oportunidade inmellorable para os futuros técnicos.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu a colaboración desta empresa para continuar facendo medrar o modelo de FP Dual que se está a desenvolver en Galicia, que está a colleitar grandes éxitos. Non en balde, neste momento están a funcionar un total de 47 proxectos de FP Dual, que implican a 50 empresas e que contan cun total de 502 alumnos matriculados.

Román Rodríguez salientou que o feito de cursar case o 40% do ciclo na empresa, realizando unha actividade profesionalizadora e unha formación complementaria, supón unha oportunidade única para que o alumnado coñeza de primeira man a realidade dos centros de traballo e do tecido produtivo galego. Así mesmo lembrou que os estudantes son unha fonte de emprendemento e ideas que redunda nun claro beneficio para as empresas que, cada vez máis, se están a implicar na formación profesional tanto a través deste tipo de iniciativas de formación dual como dos proxectos de innovación que se presentan nos centros. De feito, nos últimos premios ao desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e aos de innovación didáctica no ámbito da FP recoñeceuse iniciativas de 18 centros en colaboración con 34 empresas ou entidades; e na segunda edición do congreso FPInnova Galicia exhibíronse 40 proxectos innovadores, nos que participaron 23 centros educativos e 30 empresas.

Actividade profesionalizadora

O ciclo desenvolverase desde setembro de 2017 a setembro de 2019. Durante o primeiro trimestres de ambos cursos, o alumnado asistirá ás clases no CIFP Politécnico, mentres que durante os segundos e terceiros trimestres desenvolverá a súa actividade profesionalizadora a través dunha estadía na devandita empresa. Durante o período formativo na empresa, o horario da actividade formativa e profesionalizadora deberá desenvolverse dentro do marco temporal do horario laboral da empresa, reservándose ata un máximo de catro horas cada quincena para a recepción do alumnado no centro educativo por parte do titor ou da titora, na que se realizarán actividades de seguimento, asesoramento e apoio.

A través do convenio de colaboración asinado hoxe, VIAQUA comprométese a financiar o proxecto de formación regulado neste convenio, mediante o establecemento dun sistema de bolsas dirixido ao alumnado participante.

Seguimento

Para avaliar e facer seguimento dos avances e progreso do alumnado, a empresa nomeará unha persoa como titor ou titora do alumno ou da alumna, que será responsable do seguimento da actividade formativa, da coordinación da actividade profesionalizadora coa actividade formativa e da comunicación co centro de formación.

Así mesmo, o centro formativo designará un profesor ou formador, como titor responsable da programación e do seguimento da formación, así como da coordinación da avaliación co profesorado. Ademais, esta persoa será a interlocutora coa empresa para o desenvolvemento do proxecto.

Outras colaboracións

Ademais do convenio en materia de FP Dual, ambas partes asinaron outro acordo de colaboración para diversos aspectos da formación profesional. Neste sentido, o alumnado dos ciclos formativos poderá desenvolver o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) nesta empresa, para o que tanto a compañía como o centro educativo designarán persoas titoras. Outra das liñas previstas refírese á cesión, por parte da compañía, de equipamento para o seu uso na formación práctica.

Así mesmo, Consellería e VIAQUA colaborarán na formación e actualización do profesorado, tanto a través de cursos, seminarios, estudos, etc., como das estadías en empresas por tempo definido que vén convocando o departamento educativo da Xunta de Galicia. Asemade, e dentro do  Plan de recoñecemento da experiencia profesional, a Consellería analizará coa empresa a posibilidade de acreditar a experiencia profesional dos/as traballadores/as da empresa e convocar aquelas cualificacións profesionais vinculadas a determinados postos de traballo da mesma.

Por outra banda, promoveranse actuacións conxuntas no desenvolvemento de proxectos de innovación, promoción do emprendemento entre o alumnado, no relativo ao plan de prevención de riscos específicos nos centros ou na organización dun programa de visitas á empresa dirixido ao alumnado  de educación secundaria.