250 docentes asisten ás xornadas ‘A competencia en Comunicación Lingüística’, organizadas pola Consellería de Educación

Ao acto de apertura asistiu o director xeral de Educación, Jose Luis Mira

Ven, 01/04/2011 - 17:16

Un total de 250 docentes asisten hoxe e mañá ás xornadas ‘A Competencia en Comunicación Lingüística. Un proxecto de centro’, organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que se celebran no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela.

No acto de apertura deste encontro o directo xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, explicou que este tipo de actividades formativas “dan resposta ás necesidades e demandas reais nun mundo que xira entorno a unha nova cultura na que a linguaxe audiovisual cobra protagonismo, no que o desafío pedagóxico xa non é que o noso alumnado lea e escriba senón que saiba ler e escribir nos novos soportes”. “Ensinar consiste en responder ás necesidades ou retos que experimenta quen aprende e, desde esta perspectiva, desexamos promover a reflexión sobre os retos aos que temos que enfrontarnos todos os ensinantes na actualidade”, engadiu.

Con estas xornadas, tal e como explicou o director xeral, a Consellería quere “dotar ao profesorado das ferramentas didácticas necesarias”, co fin de mellorar a educación e preparar aos futuros cidadáns para responder aos retos futuros.

Retos das TIC

Tras a presentación do encontro, a xornada de hoxe complétase co relatorio ‘Recomendacións prácticas para unha lectura crítica e plural’, impartido polo profesor da facultade de Xornalismo da Universidade Autónoma de Barcelona José Manuel Pérez Torneo. O profesor afonda nesta conferencia no reto que supoñen as novas tecnoloxías, e na necesidade de avanzar nas novas formas de lectura, converxentes cos novos medios, que sexa crítica e plural ao tempo que aproveita o potencial das TIC.

Ademais haberá unha presentación de experiencias por parte dos centros educativos, en concreto do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, do CEIP Isidora Riestra (Poio) e do CPI Viaño Pequeno (Trazo). As presentacións continuarán o sábado co CEIP Graxal (Cambre), co IES da Pobra do Caramiñal, co IES de Monterroso e co CEIP Milladoiro (Malpica).

O programa do encontro complétase coa conferencia ‘Falar e escribir ciencias na aula’, da profesora da facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela Mª Pilar Jiménez Aleixandre, que afondará nas dimensións discursivas e comunicativas do traballo científico. Pola súa parte o profesor da facultade de Educación da Universidade de Cantabria José Luis García González abordará o peso cada vez maior das TIC no sistema de ensino-aprendizaxe no relatorio ‘A competencia dixital e lingüística en educación desde o punto de vista do ordenador’.

Menús News node R