As avaliacións de Primaria e ESO desenvolvéronse con normalidade nos centros da mostra
A maiores dos 195 seleccionados, outros 39 centros de Primaria decidiron de xeito voluntario participar nestas probas de carácter diagnóstico
A participación do alumnado foi de arredor do 60 por cento, na liña da do ano pasado
Os centros educativos que resultaron seleccionados (125 de Primaria e 70 de ESO) participaron hoxe con normalidade e sen ningún tipo de incidencia na primeira xornada das avaliacións diagnósticas de 6º de Primaria e de 4º curso de ESO, que concluirán mañá.
A maiores dos 195 da mostra, hai que engadir outros 39 centros que decidiron, de xeito voluntario, aplicar estas probas ao alumnado de 6º de Primaria. Segundo os primeiros datos provisionais, a participación situouse en torno ao 60 por cento tanto en Primaria coma en ESO, é dicir, en porcentaxes semellantes ás probas de 3º e de 6º do ano pasado.
Cómpre lembrar que, froito dun acordo unánime entre todas as CCAA e o Ministerio de Educación referendado no Congreso dos Deputados, por primeira vez neste curso as avaliacións de 6º de Primaria e de 4º de ESO fanse con carácter mostral. É dicir, que non se aplican na totalidade dos centros, senón naqueles que resultaron seleccionados segundo os criterios técnicos estatísticos de xeito que os resultados obtidos se poidan extrapolar ao conxunto da poboación.
O obxectivo destas probas é o de obter unha información comparada do sistema educativo para poder deseñar programas de mellora máis axeitados ás posibles eivas que se poidan detectar. Cómpre subliñar que non substitúen o labor dos docentes, senón que o reforza na medida en que están configuradas como unha ferramenta complementaria máis que permiten anticiparse aos problemas e implementar medidas correctoras para o conxunto do sistema. Son, ademais, un tipo de probas que se levan facendo de xeito regular na maioría dos países europeos e tamén en España, onde desde o ano 2009 se viñan aplicando en 4º curso de Primaria e 2º curso de ESO.
Hai que lembrar que, a raíz das probas de 3º e de 6º de Primaria do pasado curso, neste 2016/17 a Consellería asinou contratos-programa para desenvolver plans de mellora directamente vinculados aos resultados obtidos, que supuxo a incorporación neste curso, de 114 profesores de apoio contratados a maiores para outros tantos centros escolares. É dicir, que todos eles contan cun docente de apoio externo, ao igual que sucedeu cos 69 centros que recibiron apoio deste tipo no curso 2015/16 ao abeiro do resultado da proba de 3º de Primaria celebrada no curso 2014/15.