A xefa territorial de Educación en Ourense asiste á celebración do Día da UNED na cidade das Burgas
A xefa territorial de Educación na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu, en representación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, á celebración do Día da UNED.
Ao longo do día, de portas abertas, o centro asociado de Ourense estivo a proxectar un vídeo sobre a UNED. Asemade neste contexto realizouse unha mesa redonda sobre Educación e Sociedade en Ourense, na que participaron Díaz Mouteira e o director da UNED- Ourense, Jesús de Juan. Xunto a eles tamén estiveron o director do Centro Cultural da Deputación, Francisco González; a vicereitora do Campus –Ourense, Universidade de Vigo, María Lameira e a concelleira de Educación de Ourense, Ana Garrido.
Durante a súa intervención a xefa territorial en Ourense recalcou o constante traballo da administración a prol da mellora no sistema educativo, baseando cada paso en tres piares básicos como son a liberdade, igualdade e calidade. E recordou que “a educación ten que ser especialmente protexida pola súa capacidade de desenvolvemento económico e social para Galicia”, ao que engadiu que “isto debe ser así, a pesares das actuais circunstancias económicas”.
Neste contexto Marisol Díaz Mouteira recordou “a mellora da calidade, a ampliación de oferta educativa, a innovación e as novas tecnoloxías, o plurilingüísmo, os valores educativos, o respecto.. son retos marcados para levar a cabo, que día a día, vanse acadando como unha aposta forte da educación como unha inversión de futuro para Galicia”. Labores que se están a realizar desde todos os aspectos da administración entre os que cómpre lembrar o desenvolvemento do Plan Impulsa, grazas ao que esta provincia está a medrar a través de diversas estratexias para igualar o interior e o atlántico.
Cómpre destacar que as actividades que se desenvolveron no centro da UNED en Ourense, foron realizadas paralelamente no resto de centros asociados que a universidade a distancia ten en toda España, en Brasil e na Arxentina.