Román Rodríguez destaca o emprendemento como fonte de riqueza e motor de innovación

O conselleiro de Cultura e Educación participou na inauguración da xornada Apaixónate 2017, enmarcada no plan eduemprende

Sáb, 13/05/2017 - 11:00
Román Rodríguez destaca o emprendemento como fonte de riqueza e motor de innovación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a xornada formativa Apaixónate 2017, organizada pola Rede de Formación Permanente do Profesorado no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela para reflectir a importancia da implicación persoal no camiño cara o éxito. A cita, dirixida a profesorado, orientadores e xefes de departamento, conta con arredor de 140 asistentes. O conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; e pola subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez.

Durante a súa intervención o conselleiro salientou que o emprendemento é unha fonte de riqueza no seu contorno e funciona como motor da innovación e da competitividade, como quedou exemplificado no congreso FP Innova, celebrado con gran éxito esta mesma semana. Neste sentido, destacou o interesante desta cita, na que diversos relatores expoñen a importancia da implicación persoal e da paixón para cambiar a vida dunha persoa e orientar o seu camiño cara ao éxito.

O conselleiro quixo ademais agradecer aos docentes asistentes a súa dedicación e o seu compromiso coa formación ao longo da vida.  “Sodes, neste mundo globalizado e en cambio constante, activos de máxima importancia”, dixo, salientando que uns docentes comprometidos e actualizados, nuns centros en permanente formación, “fan grande ao sistema educativo e convértense nun dos puntos cardinais da ensinanza”.

Ao longo da xornada desenvolveranse 13 relatorios e unha mesa redonda, todas elas arredor da necesidade de apaixonarse por unha profesión, estudos ou oficio. Para iso, o programa conta coas intervencións do expresidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; do CEO de 8Belts, Anxo Pérez; da presidenta do Pontevedra FC SAD e de Pescamar, Guadalupe Murillo; da directora de comunicación Silvia Fraga; de Ángeles Tuñas, responsable de proxectos, Recursos Humanos e loxística; do actor e humorista galego José Touriñán; da bloguer internacional Cuca Olveira; de Aída González, campioa do mundo de debate; da directora de Growcom, Sandra Rodríguez; do consultor, mentor e escritor Mario López Guerrero; do director de Con C de Comunicación, Fernando Rodríguez; de Laura Redonda, mediadora do Colexio Oficial de Psicoloxía; e do director de Enxeño Galicia, Modesto Gómez. Ademais, na mesa redonda participarán Rosa Botas, de The Cool Counseling, e o director de Adecco Galicia, José Oreiro.

A actividade formativa enmárcase no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, eduemprende, posto en marcha en 2010 que en 2010 pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración co Igape, co obxectivo estratéxico da implantación da cultura emprendedora entre a comunidade educativa a través de catro eixos: o apoio ao alumnado, a posta en marcha de proxectos empresariais viables, a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio, e a coordinación e aproveitamento de iniciativas.