O IES Carlos Casares de Vigo recibe o premio concurso-exposición Letras Galegas 2017
O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado territorial da Xunta en Vigo entregaron hoxe no propio instituto o galardón á modalidade de ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas Especiais polo traballo ‘Carlos Casares Mouriño, o coleccionista de historias’
As láminas e carteis do IES Carlos Casares e a do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña, gañadora na modalidade de infantil e primaria, foron distribuídas en preto de 2000 puntos de Galicia e do exterior para difundir a figura do autor das Letras Galegas deste ano
O IES Carlos Casares de Vigo recibiu esta mañá de mans do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, o premio Concurso-Exposición Letras Galegas 2017 na modalidade de ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas Especiais. Recoñécese así o valor da colección de carteis e da unidade didáctica elaborados polo profesorado e o alumnado deste centro para dar a coñecer a vida e a obra de Carlos Casares, traballo que se presentou ao certame co título ‘Carlos Casares Mouriño, o coleccionista de historias’.
Valentín García felicitou o alumnado e o profesorado implicado por unha proposta “orixinal e moi coidada” que aborda “as diferentes facetas do autor a quen lle dedicaremos o próximo 17 de maio, dende a de escritor ata a de docente, pasando polas de xornalista, parlamentario, editor ou tradutor”.
Os representantes da Xunta de Galicia estiveron acompañados polo presidente de Feiraco, José Montes; polo presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares; e mais polo académico da lingua galega Xesús Alonso Montero.
O grupo de profesorado e de alumnado que elaborou a mostra ‘Carlos Casares Mouriño, o coleccionisita de historias’ recibiu un cheque por valor de 2000 euros, outro intercambiable por un lote de produtos lácteos da marca Feiraco para todo o alumnado do centro e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado implicado no desenvolvemento do traballo obtivo unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (ou 30, no caso do coordinador do proxecto).
Ampla distribución
A Secretaría Xeral de Política Lingüística contribúe cada ano á celebración do 17 de maio nos centros de ensino da súa titularidade convocando o Concurso-Exposición Letras Galegas. Os obxectivos que persegue este certame son incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado; e arrequecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros, ademais de impulsar o estudo e a difusión da obra do autor homenaxeado dentro e fóra do ámbito educativo.
As exposicións gañadoras este ano, tanto na modalidade de secundaria – ‘Carlos Casares Mouriño, o coleccionista de historias’ do IES Carlos Casares de Vigo-, como na de infantil e primaria –‘Carlos Casares, un escritor desta Galaxia’, do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña-, serán distribuídas en case 2000 puntos de Galicia e do exterior: centros educativos, concellos da Rede de Dinamización Lingüística, centros de estudos galegos de universidades europeas e americanas, centros galegos...
Estética e divulgación
A exposición gañadora conta cunha serie de carteis nos que se xoga cunha superposición de planos: sobre a imaxe de fondo do tren que tanta importancia tivo na traxectoria do autor homenaxeado incorpóranse fotografías relacionadas coa súa vida e obra e, encol destas, debuxos á man que evidencian a participación do alumnado. O resultado é un produto de alta calidade técnica, harmonioso e moderno. A incorporación de citas de Casares en todos os carteis contribúe de forma moi eficaz a ampliar o coñecemento da súa vida e obra.
As láminas, a guía didáctica e o marcapáxinas que conforman este proxecto poden verse en www.lingua.gal/dia-letras-galegas.