O ‘Tic Tac Toc’ dáse cita na fin de semana no Carballiño, A Cañiza, A Laracha e Betanzos
A actividade de dinamización lingüística está especialmente pensada para cativada ata os sete anos de idade e busca reforzar a transmisión familiar da lingua
Pablo Díaz sobe aos escenarios do ‘FalaRedes’ acompañado de Diego Barral e Álex Fente e pechará a súa xira no programa o 20 de maio na capital galega cun concerto moi especial
A entrada é, en todos os casos, libre e de balde ata completar a capacidade das salas
A actividade de dinamización lingüística ‘Tic Tac Toc’, do programa ‘FalaRedes’, dáse cita na fin de semana nos concellos do Carballiño, A Cañiza, A Laracha e Betanzos, todos eles pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Trátase dunha proposta musical especialmente pensada para familias con cativada ata os sete anos de idade, coa que se busca reforzar a promoción do uso da lingua galega e a súa transmisión interxeracional.
A primeira das funcións terá lugar o sábado, ás 12:30 horas, no Auditorio Municipal do Carballiño. Ese mesmo día, ás 19:30 horas, Pablo Díaz e a súa banda actuarán no Auditorio da Casa da Cultura da Cañiza. A xornada do domingo abrirase na Casa da Cultura da Laracha, ás 12:00 horas. Pola tarde, 18:00 horas, o ‘Tic, Tac, Toc’ estará na Aula de Cultura Xulio Cuns de Betanzos. En todos os casos, a entrada aos concertos é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
Pablo Díaz é unha das figuras máis recoñecidas do panorama musical infantil. Neste espectáculo, o cantante coruñés está acompañado no escenario por Diego Barral (guitarra) e Álex Fente (acordeón).
Fin de xira o 20 de maio no Auditorio de Galicia
O ‘Tic, Tac, Toc’ é a segunda das actividades deste ‘FalaRedes’ 2017, na que tamén xa estivo en carteleira a adaptación teatral do libro ‘A galiña azul’, de Carlos Casares. Pablo Díaz e os seus músicos pecharán a súa xira no programa logo de percorrer un total de 19 concellos da RDL o vindeiro 20 de maio.
Será ese día, o sábado 20 de maio, ás 18:30 horas, cando Santiago de Compostela acolla o concerto que pecha a actividade ‘Tic Tac Toc’ nesta edición do ‘FalaRedes’. O escenario elixido é o Auditorio de Galicia. Para asistir, cómpre retirar previamente as entradas, de balde, no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado das 18:00 ás 21:00 horas). De haber existencias ata esa data, o mesmo día do concerto será posible retiralas no propio auditorio a partir das 17:30 h.
‘FalaRedes 2017’
A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.
Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.