Valentín García clausura o 'Día Carlos Casares' do IES de Viana do Bolo
Os actos do IES que leva o nome do autor de 'Vento ferido' incluíron relatorios arredor de Casares e a entrega de premios do concurso de relatos “A vida éche un conto”
Viana do Bolo foi o primeiro destino docente do autor a quen se lle rende este ano homenaxe con motivo das Letras Galegas
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu esta mañá ao IES Carlos Casares de Viana do Bolo, onde participou co alumnado e o profesorado do centro na celebración do Día Carlos Casares, no que foi o encargado de clausurar a xornada.
Valentín García felicitou o instituto pola iniciativa de honrar, co nome escollido para o centro e con esta celebración, un autor “tan relevante como Casares” e quixo lembrar, a canda as súas facetas de “renovador da narrativa galega”, de editor e de xornalista, a de “parlamentario que traballou con entusiasmo a prol da Lei de normalización lingüística, esa lei que garante a igualdade dos galegofalantes e dos castelanfalantes en todos os ámbitos da vida”.
O secretario xeral estivo acompañado pola xefa territorial de Cultura e Educación, Luz Fernández Quintas; polo presidente e o secretario da Fundación Carlos Casares, Xabier Casares Mouriño e Gustavo Garrido García respectivamente, e polo director do IES Carlos Casares, Carlos Ferreiro González.
Conferencias e premios
A xornada iniciouse cunha charla-coloquio a cargo do profesor Alfonso Monxardín arredor do tema “Casares e a provincia de Ourense”. A conferencia foi seguida da lectura dunha carta enviada pola escritora Inma López Silva onde esta recolleu as súas lembranzas do escritor homenaxeado.
A seguir, alumnado e profesorado do centro tiveron ocasión de escoitar falar de Carlos Casares a dúas persoas especialmente achegadas a el: o irmán do escritor e presidente da Fundación que leva o seu nome, Xabier Casares Mouriño, e o secretario da Fundación, Gustavo Garrido García. Antes da clausura, tivo lugar tamén a lectura da acta do concurso de relatos “A vida éche un conto” e mais do certame de debuxo do IES, que contaron cunha ampla participación do alumnado.
Instituto Carlos Casares
A vila de Viana do Bolo, onde se sitúa o Instituto Carlos Casares que celebrou hoxe a xornada dedicada a este autor, foi o primeiro destino docente do escritor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. No ano 1969 Casares foi expulsado da vila acusado de influenciar politicamente o alumnado. No entanto, este lémbrao, segundo se recolle na páxina web do instituto, como “un profesor diferente aos demais, do que se falaba moito polos corredores. Segundo eles era unha persoa moi accesible que sempre se dirixía aos alumnos en galego, algo moi pouco común naquela época. Pero o que máis recalcaron foi que sempre se preocupou moito polos seus alumnos”.
Como acto á vez de desagravio e de homenaxe, o instituto de Viana do Bolo adoptou no ano 2004 o nome de IES Carlos Casares, que leva tamén outro instituto de Vigo, así como tres centros de primaria de Xinzo de Limia, Nigrán e Salvaterra de Miño. A xornada de hoxe é unha nova homenaxe do centro de Viana do Bolo no ano en que se lle dedica ao autor ourensán o Día das Letras Galegas.