145 profesionais da orientación asisten ás xornadas de formación ‘acreditación, itinerarios formativo e profesionais’

A Consellería de Educación organizou este encontro para achegar as novidades no eido da FP aos orientadores

Mér, 30/03/2011 - 10:45

145 orientadoras e orientadores asisten hoxe ás xornadas de formación ‘Acreditación, itinerarios formativos e profesionais’ que a Consellería de Educación organiza para dar a coñecer aos profesionais da orientación as novidades no ámbito da formación profesional

O acto foi inaugurado esta mañá coa intervención do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, quen destacou a importancia do traballo dos departamentos de orientación, “un proceso de axuda imprescindible que se desenvolve mediante unha intervención continuada e técnica, coa implicación de axentes educativos, sociais e profesionais, e que conduce á necesidade do establecemento de accións específicas dirixidas á actualización continua da información que se lle poda proporcionar ao alumnado”.

A xornada continuou cun relatorio no que se presentaron os Programas Europeos de mobilidade Erasmus e Leonardo no ámbito da formación profesional, dirixidos a atender as necesidades de ensino e aprendizaxe do alumnado de FP. Entre os seus obxectivos están a mellora cualitativa e cuantitativa da mobilidade das alumnas e alumnos en formación profesional inicial e continua en Europa, a través das estancias en empresas Ademais Educación dá a posibilidade a 45 alumnas e alumnos grao superior que teñan un módulo profesional de lingua estranxeira no currículo do seu ciclo de realizar estadías formativas de 3 semanas no estranxeiro para mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras.

Acreditación de competencias

Ademais no marco desta xornada preséntase o proceso que a Consellería vén de convocar con 3.200 prazas para o recoñecemento da competencia profesional, no que os departamentos de orientación son un dos piares básicos. Non en balde son as orientadoras e orientadores os encargados de informar sobre o proceso e, de ser o caso, elaborar un plan de formación para os candidatos, que lles permita unha vez rematado o proceso de avaliación, adquiriren os déficits de competencia detectados.

O proceso de acreditación ten un importante valor como mecanismo favorecedor da homoxeneización, a nivel europeo, dos niveis de formación e acreditación profesional de cara ao libre movemento dos traballadores e dos profesionais no ámbito do mercado que supón a Comunidade Europea.

Doutra banda, no encontro de hoxe ofrécese unha ampla visión sobre os novos itinerarios formativos e profesionais, sobre os accesos, validacións, e obtención de carnés profesionais, entre outros aspectos cos que se quere achegar aos asistentes á nova FP.

Menús News node R