O ‘TIC Tac Toc’ chega esta fin de semana a Ponteareas, Outes e Boiro

O concerto musical, especialmente pensado para nenos e nenas de ata sete anos de idade, busca reforzar a transmisión da lingua galega no ámbito familiar

Pablo Díaz sobe aos escenarios do ‘FalaRedes’ acompañado de Diego Barral e Álex Fente

A entrada aos espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade das salas

Xov, 04/05/2017 - 15:57
O ‘TIC Tac Toc’ chega esta fin de semana a Ponteareas, Outes e Boiro

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística nos concellos que forman parta da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), fará parada esta fin de semana nas comarcas do Condado, de Noia e do Barbanza a través da nova proposta musical ‘Tic Tac Toc’ que chega da man do músico coruñés Pablo Díaz.

A primeira das citas é Ponteareas, cun concerto no Auditorio Reveriano Soutullo o sábado, ás 12:00 horas. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, Pablo Díaz e a súa banda estarán tamén no auditorio da Casa da Cultura de Outes. A fin de semana pecharase do domingo en Boiro, onde o ‘Tic Tac Toc’ se dará cita coa cativada ás 18:30 horas na Casa da Cultura.

O cantante coruñés, un dos músicos máis destacados do panorama musical galego, sobe aos escenarios do ‘FalaRedes’ por terceira vez acompañado polos músicos Diego Barral (guitarra) e Álex Fente (acordeón). Con esta nova proposta, especialmente pensada para familias con nenos e nenas de ata sete anos, búscase reforzar a transmisión efectiva da lingua galega a través da música.

Próximas paradas: O Carballiño, A Cañiza, A Laracha e Betanzos

O ‘Tic, Tac, Toc’ é a segunda das actividades deste ‘FalaRedes’ 2017, na que tamén xa estivo en carteleira a adaptación teatral do libro de Carlos Casares ‘A galiña azul’. Logo das citas previstas para esta fin de semana, o ‘Tic, Tac, Toc’ enceta o tramo final da súa xira. Así o sábado, 13 de maio, haberá citas musicais no Carballiño (Auditorio Municipal, ás 12:30 horas) e na Cañiza (Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:30 horas). O domingo, 14 de maio, a primeira parada será na Laracha (Casa da Cultura, ás 12:00 horas) e a segunda en Betanzos (Aula de Cultura Xulio Cuns, ás 18:00 horas).

A xira do ‘Tic Tac Toc’ no programa de dinamización prolongarase ata o vindeiro 20 de maio nun total de 19 concellos da xeografía galega e terá un concerto especial de peche no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, para o que xa están a disposición os convites no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado das 18:00 ás 21:00 horas) e, de haber dispoñibilidade ata esa data, o mesmo día do concerto a partir das 17:30 horas no propio despacho de billetes do auditorio.

FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Menús News node R