A Xunta incrementa nun 45% as prazas para a formación do profesorado en linguas estranxeiras
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de convocatoria do programa PIALE, con 215 prazas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) para o ano 2017. En total serán 215 prazas, case un 45% máis ca no ano anterior para que os docentes do ensino non universitario melloren as súas competencias en inglés, portugués, francés ou alemán en estadías en países estranxeiros. Á súa volta, deberán elaborar materiais para a sociedade da información na lingua obxecto de estudo, co fin de que a experiencia redunde no beneficio do conxunto do sistema educativo.
As solicitudes deberán tramitarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os requisitos poden consultarse no DOG, no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170503/AnuncioG0164-240417-0006_gl.html .
Haberá tres modalidades para as prazas convocadas. A primeira delas distribuirase en tres fases, das que a primeira será un curso de formación en inglés en Galicia e a segunda unha inmersión de tres semanas en Reino Unido, Canadá ou Estados Unidos. A terceira fase será a destinada á elaboración dos devanditos materiais para a sociedade da información.
Na segunda das modalidades, os docentes realizarán a primeira fase cun programa de inmersión total en inglés ou portugués consistente na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros escolares de Canadá ou Portugal. Na segunda fase deberá presentar un plan de difusión da experiencia adquirida na súa estadía, coa súa correspondente memoria de desenvolvemento.
A modalidade tres consistirá nun curso de formación en inglés, portugués, francés ou alemán, segundo sexa o caso, en Reino Unido, Portugal, Francia ou Alemaña de dúas semanas de duración. Á súa volta, na segunda fase, os docentes deberán elaborar os correspondentes materiais na lingua obxecto de estudo.
A Consellería destina un total de 770.265 euros á organización deste programa ao que poderán acceder, con carácter xeral, o profesorado de linguas estranxeiras que participe nos programas de seccións bilingües ou centros plurilingües ou que teña previsto facelo a partires do curso 2017/18.