Un millón de envases de leite de Feiraco homenaxearán a Casares con motivo das Letras Galegas
A cooperativa agrogandeira galega reforza o seu compromiso coa lingua e coa sociedade galegas para alimentar un xeito de ser nesta nova campaña que pon en marcha en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística
Valentín García destacou na presentación a contribución de Feiraco, agora integrada en CLUN, á promoción do uso da lingua galega desde o ámbito socioeconómico
A participación no Certame de Microrrelatos Feiraco-Letras Galegas 2017 segue aberta ata o 17 de maio en www.feiraco.gal
Unha edición especial dun millón de envases de leite de Feiraco homenaxearán a Carlos Casares con motivo das Letras Galegas 2017, a través dunha nova campaña coa que a cooperativa agrogandeira galega –que agora integra Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN)- reforza o seu compromiso coa lingua, coa cultura, coa tradición e coa sociedade galegas en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa Fundación Carlos Casares.
A iniciativa, que se suma ao Certame de Microrrelatos Feiraco-Letras Galegas 2017, presentárona hoxe na Cidade da Cultura o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, nunha rolda de prensa na que García Gómez destacou “o compromiso e a contribución de Feiraco á promoción do uso da lingua galega desde o ámbito socioeconómico, que fará posible que a lingua galega entre da man de Casares nos fogares galegos da man dun produto tan básico como o leite”.
Acompañáronos na presentación a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; o administrador da Fundación Carlos Casares, Håkan Casares; o vicesecretario da Real Academia Galega, Andrés Torres Queiruga; e mais o director da División Láctea de CLUN, Pablo Gómez.
‘Alimentando un xeito de ser’
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora con Feiraco nesta campaña na que a cooperativa láctea galega personaliza e distribúe un millón de envases conmemorativos das Letras Galegas 2017 das tres referencias do seu leite (enteiro, semidesnatado e desnatado), por medio dunha edición especial en cuxo frontal leva integrada unha ilustración orixinal cun retrato do autor homenaxeado, Carlos Casares, cedida exclusivamente pola fundación que leva o seu nome e que é depositaria do seu legado para realizar esta acción.
De igual modo, cada un dos tres envases Feiraco Edición Especial Letras Galegas 2017, ofrece por partida dobre un produto de alta calidade (leite Feiraco e literatura galega): os consumidores poderán descargar unha das obras do autor, a través do código QR incluído no seu lateral. A obra, cedida tamén pola Fundación Carlos Casares, estará activa durante o mes de maio para animar a todos os galegos e galegas a consumir un produto galego de alta calidade, ‘O mellor leite e a mellor literatura galega da man de Feiraco’. De novo, incidindo no compromiso de Feiraco coa lingua, cultura, coa tradición e coa sociedade galega, baixo o lema ‘Alimentando un xeito de ser’.
Esta acción súmase ao VI Certame de Relatos Breves Feiraco, no que se pode participar ata o vindeiro 17 de maio: http://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Premios/convocatoria_0054/certame-relatos-breves-feiraco e enmárcase nas liñas de colaboración de Feiraco coa Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco da programación institucional Letras Galegas 2017.
Promover a lingua propia desde a responsabilidade social
Feiraco constitúe desde a súa fundación, hai case medio século, un exemplo de compromiso empresarial, tanto nos seus valores e métodos de traballo como noutras actividades con proxección social que a cooperativa agrogandeira leva posto en marcha ao longo a da súa historia.
Agora, xa desde CLUN, Feiraco mantén o compromiso co idioma propio e a súa plena identificación con Galicia, xa que cooperativa nacida da súa unión con Melisanto e Os Irmandiños se identifica coa vida no rural tanto nos seus valores coma nos métodos de traballo, que tenden a vertebrar o tecido social e o desenvolvemento económico nas actividades de proxección social que leva a cabo no país.