O II Congreso ‘FP Innova Galicia’ poñerá en valor 40 proxectos dos centros e os vínculos coa empresa
O conselleiro de Cultura e Educación presentou o programa da feira, que durante os próximos 10, 11 e 12 de maio reunirá na Cidade da Cultura a alumnado e profesorado de FP, así como a diferentes empresarios e responsables de educación de varias comunidades e de fóra de España
Un total de 250 estudantes darán a coñecer os seus traballos, que se achegarán a descubrir uns 7.000 alumnos e alumnas de centros de toda Galicia
A Consellería leva mobilizado, desde 2014, máis dun millón de euros en premios co fin de recoñecer o compromiso coa innovación desde os centros
O II congreso ‘FP Innova Galicia’ poñerá en valor un total de 40 proxectos de innovación, nos que participaron 23 centros educativos e colaboraron 30 empresas. Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na rolda de prensa de presentación das actividades enmarcadas nesta segunda edición da feira, que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura os vindeiros 10, 11 e 12 de maio.
Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia –que estivo acompañado polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira; e pola subdirectora de FP, Eugenia Pérez Fernández–, o programa divídese en dúas partes. Por un lado, a parte expositiva, na que un total de 250 alumnos, acompañados de profesorado e empresas colaboradoras, darán a coñecer, a través de actividades demostrativas, os 32 proxectos que desenvolveron na aula, así como as oito miniempresas creadas ao abeiro dos traballos de innovación no marco do programa Eduemprede.
Visita de 7.000 alumnos de toda Galicia
Neste contexto, cómpre salientar que ao longo dos tres días está prevista a visita de outros 7.000 alumnos e alumnas de centros de toda Galicia, principalmente de ESO e de FP Básica, que poderán coñecer de preto os traballos dos seus compañeiros e comprobar as potencialidades que ofrece a Formación Profesional galega.
Empresas de renome e colaboración transfronteiriza
Por outra banda, a feira terá unha parte dedicada a congreso, na que arredor de 300 docentes asistirán ás diferentes charlas e mesas redondas programadas, que contarán coa participación de empresas de relevancia como Navantia, Gas Natural Fenosa ou Estrella Galicia, entre outras. Así mesmo, tamén se organizarán un total de 19 talleres de innovación vinculados cos proxectos expositivos.
Toda a información sobre a feira pode consultarse no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/fp/congreso-fp-innova, e tamén a través dunha aplicación móbil, que estará dispoñible en breve.
Entre as novidades deste ano, ademais de estenderse un día máis con respecto á edición pasada, hai que destacar a presenza de varios responsables institucionais de comunidades autónomas, que tratarán a relevancia dos CIFP en España. Así mesmo, nas mesas redondas tamén se contará coa participación da directora de programas da axencia Brainport Development, N.V. dos Países Baixos, Yvonne van Hest; así como do delegado rexional do Instituto de Emprego e Formação Profissional da Região Norte de Portugal, António Leite.
Ademais, e con motivo de ‘FP Innova Galicia’, pero fóra do programa da feira, organizarase a Comisión de Formación Profesional da Conferencia de Educación, que reúne a todas as comunidades autónomas.
Compromiso coa innovación desde as aulas
Segundo destacou Román Rodríguez, a segunda edición de ‘FP Innova Galicia’ servirá para presentar, nun único recinto, todas as potencialidades que ofrece a Formación Profesional galega a nivel de innovación, tecnoloxía, modernización e empregabilidade. Neste sentido, cómpre destacar que a maior parte dos traballos que se expoñerán resultaron galardoados cos premios que convoca a Consellería para o desenvolvemento de proxectos de innovación didáctica, tecnolóxica ou científica no ámbito da FP, unha iniciativa na que se leva mobilizado máis dun millón de euros desde 2014.
O conselleiro lembrou que a FP é unha ensinanza estreitamente vinculada coa realidade socio-produtiva e coas necesidades da sociedade, posto que mantén un nexo inquebrantable de unión co mundo empresarial, tal e como se observará na propia feira. Así mesmo, animou a seguir ampliando os vínculos entre centro educativo e empresa, co fin de favorecer a empregabilidade dos mozos e mozas e potenciar a competitividade e internacionalización do tecido produtivo.
A FP significa emprego
Tal e como salientou Román Rodríguez, hoxe a FP significa modernización, alta cualificación e, tamén, emprego. O último estudo sobre inserción laboral na Formación Profesional en Galicia mostra que preto de oito de cada dez alumnos titulados no curso 2013/14 (o 76,5%) sobre o conxunto dos activos teñen un emprego, o que supón case 25 puntos máis con respecto ao estudo anterior.