Román Rodríguez e José Manuel Rey visitan o alumnado de FP dual en Navantia
O ciclo de grao superior en Mecatrónica Industrial impártese en colaboración co CIFP Ferrolterra
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Política Social, José Manuel Rey Varela; visitaron hoxe aos 12 alumnos do ciclo de FP dual de grao superior en Mecatrónica Industrial que se desenvolve en colaboración entre o CIFP Ferrolterra e Navantia. Trátase do primeiro ciclo desta modalidade no concello e ten como obxectivo diversificar a oferta de formación profesional na comarca e promover a empregabilidade dos seus estudantes. Neste sentido, cómpre lembrar que os estudantes da dual realizan unha parte de traballo efectivo remunerado na propia empresa, ademais de recibiren formación complementaria específica por parte da mesma.
Román Rodríguez incidiu na importancia de revitalizar o sector naval na comarca de Ferrolterra e salientou que o alumnado supón a entrada na compañía de espírito emprendedor e innovador, o que contribúe nun claro beneficio para Navantia. Así mesmo, o feito de participar na actividade da empresa é un estímulo para os estudantes, que entran desde o primeiro momento en contacto cos protocolos de actuación da vida laboral real.
Pola súa parte o conselleiro de Política Social destacou o feito de que estes estudantes completen a súa formación traballando nas tres áreas de negocio de Navantia: reparacións, turbinas e construción, xa que tamén participan no proxecto de fabricación do Buque de Acción Marítima que está en marcha. Así mesmo, indicou que este tipo de accións axústanse a unha das liñas estratéxicas das políticas de xuventude como é a de reforzar a empregabilidade dos mozos e mozas galegos, así como a adquisición de competencias, aptitudes e habilidades que os axuden a completar o desenvolvemento persoal e profesional.
O ciclo de grao superior en Mecatrónica Industrial empezou a impartirse este curso nesta modalidade e terá continuidade ata o 2018/19. Ao o longo dos tres anos, os alumnos coñecerán de preto as demandas concretas do tecido produtivo da comarca e obterán unha alta cualificación e unha preparación adaptada aos postos de traballo actuais e futuros.
Incremento exponencial da FP Dual
Nos últimos anos o departamento educativo da Xunta está realizando unha forte aposta pola FP Dual como modalidade fundamental para seguir avanzando no impulso xeral á Formación Profesional. Neste sentido, neste curso 2016/17 arrincaron 22 ciclos de FP Dual en Galicia, 15 deles (contando este con Navantia) completamente novos; o que supuxo un incremento da oferta de prazas dun 101%.
Reunión con representantes empresariais
Trala visita a Navantia, ambos conselleiros desprazáronse ao CIFP Ferrolterra, onde mantiveron unha reunión de traballo con representantes empresariais da comarca para explicarlles aos sectores produtivos locais as posibilidades formativas da FP Dual, así como os recursos humanos cualificados que xera para as propias empresas. Na reunión estiveron tamén presentes o director do CIFP Ferrolterra, Enrique Pazo; o director de Navantia, Julio Martín Ramos; e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.