Bocaberta enche de música a fin de semana para facer gozar os máis novos coa lingua galega

O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística leva concertos e obradoiros musicais por diversos concellos nos próximos tres días

Xov, 24/03/2011 - 17:48
Bocaberta enche de música a fin de semana para facer gozar os máis novos coa lin
Bocaberta enche de música a fin de semana para facer gozar os máis novos coa lingua galega

Bocaberta propón unha fin de semana chea de música para todos os públicos para promover o uso do galego entre as franxas de idade máis novas. Desde mañá e ata o domingo, o programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística levará por varias vilas e cidades actividades que que van da canción infantil (Ola, ola, la!) á música tradicional (Canta música!), para os máis pequenos, e do pop á música electrónica (Detrás da canción), para os adolescentes.

Os máis pequerrechos da casa poderán gozar esta fin de semana con propostas sonoras adaptadas á súa idade, como o exitoso musical infantil Ola, ola, la! Trátase dun concerto espectáculo no que o conxunto Mamá Cabra pon en escena varios dos seus éxitos, baseados no libro que dá título á proposta. O proxecto leva aparellados obradoiros musicais. Dirixida a nenos e nenas dos 4 aos 8 anos, Ola, ola, la! visita nos próximos días Ourense (mañá, en formato de obradoiro), Santiago de Compostela (o sábado, con obradoiros) e Lugo (tamén o sábado, cun concerto).

Tamén para os máis novos, Bocaberta ofrece este fin de semana o obradoiro de música tradicional Canta música!, que estará o sábado en Santiago de Compostela e en Cangas do Morrazo. Impartido polos músicos e educadores Pablo Díaz e Olga Kirk, Canta música! emprega instrumentos tradicionais galegos, desde pandeiretas a cunchas e outras percusións, ademais de xogos populares, adiviñas e trabalinguas para facer gozar os máis novos coa lingua galega. Canta música! está pensado para nenos e nenas dos 5 aos 7 anos.

O mellor pop en galego para os adolescentes

Detrás da canción é unha actividade na que suman forzas dous dos grupos máis destacados do pop cantado en galego. Por unha banda, Carlos Valcárcel, líder de Projecto Mourente, imparte un curso de cerca de dúas horas de duración no que se mostra como facer música desde a casa, con materiais e programas informáticos de fácil acceso, e de xeito doado e divertido.

O obradoiro vai destinado a mozos e mozas dos 12 aos 18 anos. Por outro lado, e como fin de festa, o grupo The Homens ofrece un concerto aberto a todo o público no que reinterpreta en acústico o seu repertorio. A idea é mostrarlles aos adolescentes ferramentas para compoñer e gozar da música en galego. Detrás da canción estará mañá en Betanzos, o sábado en Carballo e o domingo en Foz.

747 actividades nos 315 concellos

Bocaberta 2010-2011 é unha iniciativa coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. O programa, que botou a andar o pasado mes de outubro, levará ata maio 747 accións por todos os concellos de Galicia.

Ademais das actividades musicais, Bocaberta ofrece propostas centradas en diversas temáticas, como a maxia, as novas tecnoloxías, os monicreques, obradoiros de escrita e de oralidade ou a banda deseñada.

Bocaberta conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta, con información detallada sobre horarios e localizacións do programa. Ademais, co obxectivo de ligar as actividades ao público infantil e xuvenil ao que van dirixidas, Bocaberta conta con canles de difusión e participación nas principais redes sociais de internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Menús News node R

Colectivo

Tema