A Xunta fomenta o emprendemento entre o alumnado a través do concurso ‘Idea’
Enmarcado no Plan Eduemprende, vai dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar, en conxunto coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha nova edición do concurso Eduemprende Idea, co que se busca estimular o emprendemento entre os máis novos. O certame vai dirixido ao alumnado matriculado no curso 2016-2017 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño sostidas con fondos públicos. Este concurso convócase cada ano desde 2015 e nas anteriores edicións participaron 132 alumnos presentando os seus proxectos.
A convocatoria consta de dúas modalidades, A e B, dirixidas ao alumnado de ciclos de grao superior e de grao medio, respectivamente. En ambas as dúas o primeiro premio será de 3000 euros, o segundo de 2000 e o terceiro de 1000. Ademais, todos os galardoados poderán incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e recibir asesoramento técnico do IGAPE.
As solicitudes para participar na iniciativa, en grupos de un mínimo de dous e un máximo de catro persoas, poderanse presentar por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de modo presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A convocatoria pode consultarse no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170417/AnuncioG0164-050417-0003_gl.html