A Xunta e a Deputación de Ourense investirán 600.000 euros en obras en centros educativos

Afiánzase esta liña de colaboración, que o ano pasado supuxo realizar melloras en 36 colexios

O conselleiro anunciou a incoación do expediente BIC da Ribeira Sacra para este verán

Lun, 03/04/2017 - 11:40
A Xunta e a Deputación de Ourense investirán 600.000 euros en obras en centros educativos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acordaron hoxe renovar o acordo de colaboración entre ambas as entidades para a mellora das instalacións educativas da provincia. Deste xeito está previsto investir este ano un total de 600.000 euros -ao 50%- para realizar reformas en centros de ensino de primaria, renovando un acordo que supuxo o ano pasado executar obras en 36 colexios. Os centros obxecto de actuacións ao abeiro da sinatura deste novo convenio concretaranse en funcións dos informes da unidade técnica ao respecto.

Deste xeito afiánzase unha liña de colaboración institucional que redunda nun mellor aproveitamento dos recursos e nun beneficio para o conxunto do sistema educativo.

Ateneo

No marco da reunión celebrada esta mañá na sede da Deputación de Ourense o conselleiro reiterou a vontade do seu departamento de prestar apoio á actividade do Ateneo de Ourense. Con todo, neste momento a Xunta non dispón de ningún local para ofrecerllo como sede, aínda que esta posibilidade estudarase a medio prazo.

Neste sentido cómpre sinalar que a Xunta en Ourense está a levar a cabo unha reordenación dos espazos e trata de racionalizar na factura de alugueres de locais rescindindo contratos. O espazo que quede baleiro no inmoble da rúa Concejo, despois de que a Biblioteca se traslade a San Francisco, empregarase para reubicar outros servizos dependentes da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria. En calquera caso, unha vez finalizada a reorganización administrativa,  estudarase a cesión de uso dalgún espazo que quede dispoñible. No entretanto, a Deputación cederalles un espazo como sede.

Ribeira Sacra e Museo do viño

Na reunión abordouse tamén a tramitación da declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra. Neste sentido, indicou que está previsto que no verán se incoe o expediente de declaración, un expediente que cualificou como moi complexo no técnico, xa que debe servir como base para competir a nivel nacional e internacional pola consideración como patrimonio mundial. A Xunta traballa desde o momento en que recibiu a documentación de base para axustala aos requirimentos necesarios para ter garantías de que a declaración poida saír adiante, tales como a acreditación do valor universal excepcional, a autenticidade e integridade deste espazo, ou a comparación con outros territorios que teñen recoñecida esta categoría. Nestes momentos estanse desenvolvendo estes traballos técnicos fundamentais e básicos para avanzar na candidatura.

Deste xeito, agradeceu todas as declaracións de apoio ao respecto, pero insistiu no imprescindible que é que o expediente sexa impecable no aspecto técnico, o que esixe tomar un tempo prudente para elaboralo. Neste senso o conselleiro afirmou que “é máis fácil facer unha declaración política ou institucional que montar un expediente que afecta a arredor de 20 concellos e que pode chegar a moitos miles de parcelas, e que ten que competir con moitas candidaturas tanto a nivel nacional como internacional para acadar o seu obxectivo”.

No referido ao Museo do viño de Galicia, en Ribadavia, o conselleiro explicou que se está tramitando ampliar a cesión do edificio co Bispado. Unha vez isto se acade, poderase continuar co proceso para a apertura deste centro. O  conselleiro recordou que xa existe un proxecto museístico e a partida orzamentaria precisa para abordar a contratación.